A cidade polaca de Bialystoc acolle unha presentación da oferta turística galega
En 2016, a demanda turística deste mercado medrou un 6,2% en relación ao ano 2015 rexistrando máis de 24.000 viaxeiros aloxados e 32.000 pernoitas
Polo que respecta ao Camiño de Santiago, o ano pasado, un total de 3.919 peregrinos realizaron a Ruta xacobea, un 3,5% máis que en 2015
A cidade polaca de Bialystoc acolleu un acto de presentación da oferta turística galega, no que Turismo de Galicia deu a coñecer os recursos e os servizos turísticos galegos.
Esta presentación estivo incluída nas actividades da Semana Cultural de España en Bialystoc, na que o departamento de Turismo da Xunta, ademais de presentar a oferta turística galega, ofreceu a actuación da cantante e arpista galega Marta Quintana e o seu grupo.
Turismo de Galicia mostrou a oferta galega a través dun documento audiovisual no que se fixo fincapé nos recursos turísticos relacionados coa natureza, a cultura e a gastronomía.
Mercado polaco
O mercado polaco está a rexistrar unha tendencia de crecemento importante nos últimos tempos.
No pasado ano 2016 superou nun 6,2% o nivel de demanda acadado no 2015 rexistrando máis de 24.000 viaxeiros aloxados e 32.000 pernoitas
Polo que respecta ao Camiño de Santiago, o ano pasado, un total de 3.919 peregrinos realizaron a Ruta xacobea, un 3,5% máis que en 2015, situándose no duodécimo país estranxeiro que más peregrinos achegou neste período.