Nava Castro destaca a importancia de traballar de maneira transversal nun modelo turístico sustentable
Nava Castro destaca a importancia de traballar de maneira transversal nun modelo turístico sustentable
A directora de Turismo de Galicia participou na inauguración do I Foro Hoteleiro de Turismo de Galicia #HotelForum17 sobre sustentabilidade e revenue management
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou na importancia de sensibilizar a sociedade sobre o decisivo papel que debe ter a sustentabilidade no eido turístico. Un traballo que, dixo, se debe materializar de xeito transversal nas políticas públicas e tamén nas prácticas empresariais e no comportamento dos consumidores.
Nava Castro fixo estas declaracións na inauguración do I Foro Hoteleiro de Turismo de Galicia #HotelForum17, organizado por Turismo da Galicia e que se celebrou hoxe no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG). Nel participaron numerosos profesionais do sector interesados nas últimas técnicas de comercialización e xestión para os seus negocios hoteleiros.
Durante a súa intervención, a responsable de Turismo da Xunta recordou que a sustentabilidade é un dos grandes retos e unha das liñas de traballo da nova estratexia turística de Galicia, para converter á nosa comunidade nun modelo europeo de turismo sustentable, deseñando produtos innovadores e de calidade.
Compromiso do sector
Neste sentido referiuse a que, ademais da posta en valor dos recursos que ofrece Galicia, trátase de “imprimir de sustentabilidade a todas as políticas turísticas e a actividade dos empresarios do sector”, algo que, como indicou, precisa dunha formación adecuada “algo que dende o noso departamento apostamos e impulsamos”, dixo.
O Foro organizado por Turismo de Galicia serviu para pór sobre a mesa as técnicas de comercialización como o revenue management, coa intención de axudar aos hosteleiros a facer unha boa xestión das súas canles de comunicación e alcanzar así os mellores ingresos da venda de cada unha das habitacións dispoñibles. Participaron especialistas como Diego Fernández, responsable de Revenue Management da cadea Palladium Hotel Group; Coralia Pino, do Instituto Técnico Hotelero (ITH), Javier Serrano, de STR Global ou David Madrigal de Paraty Tech.
Tamén se falou sobre a xestión eficiente dos establecementos hoteleiros, a importancia da implantación da sustentabilidade nos hoteis, as oportunidades para a redución do custo enerxético, a estratexia de sustentabilidade nunha cadea hoteleira ou as recomendacións para definir o protocolo de sustentabilidade do negocio hoteleiro. Ademais destas mesas de debate, o foro incluíu Titorías CSHG, unha actividade na que os participantes puideron ter titorías personalizadas impartidas polos profesores do centro.