02 mai 2017

A campaña ‘Viños e camelias’ supera os 11.000 visitantes ao seu paso polo País Vasco

 Durante os meses de marzo e abril, as cidades de Bilbao e San Sebastián, acolleron diferentes actividades como catas de viño da D.O Rías Baixas así como unha recreación dun bosque de camelias, entre outras actividades

Turismo de Galicia promociona, así, de maneira conxunta a Ruta da Camelia, que comprende unha ducia de xardíns de Galicia, e a D.O Rías Baixas 

 A experiencia turística creada por Turismo de Galicia ao carón da Ruta da Camelia e as bodegas que forman parte da Denominación de Orixe Rías Baixas ‘Viños e Camelias’ recibiu, ao seu paso polo País Vasco, máis de 11.000 visitantes durante os meses de marzo e abril.

Tras o seu paso por Bilbao en marzo, a iniciativa vén de rematar en abril en San Sebastián onde foron máis de 8.000 as persoas que visitaron e participaron nalgunha das actividades postas en marcha durante todo o mes. Unha cifra que se suma aos máis de 3.000 que se rexistraron na cidade de Bilbao durante o mes de marzo.

A campaña focalizouse en dúas viñotecas, nas que se realizaron diferentes iniciativas ao redor dos viños e da camelia. Instalouse un xardín desta flor, xunto a unha selección dos mellores viños galegos da D.O Rías Baixas. Tamén se organizaron diferentes catas de viños, incluíndo, no caso de Bilbao, unha cata con motivo do Día Internacional da Muller, así como catas con viños elaborados por enólogas.

Do mesmo xeito, tamén se ofreceu un menú de fin de semana e un tapeo galego diario en cada unha das viñotecas, con produtos típicos galegos.

Promoción conxunta

Esta campaña promocional impulsada por Turismo de Galicia promove a Ruta da Camelia e a D.O Rías Baixas, dous dos produtos clave do turismo na nosa comunidade.

A Ruta da Camelia estase a converter en todo un referente internacional e está construída por unha ducia de xardíns tanto públicos como privados. Permite descubrir os recursos dos concellos nos que se sitúan os principais enclaves e xardíns con camelias e tamén teñen a súa sinalización turística propia para identificala de xeito sinxelo.

 
Arriba