08 mai 2017

Turismo de Galicia valora o traballo dos profesionais galegos por saber achegar o mellor da gastronomía a todos os públicos

Nava Castro destaca o “excelente traballo” dos 15 restaurantes galegos premiados por axudar a posicionar Galicia como destino de calidade

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou o importante papel dos profesionais galegos que, co seu “excelente traballo”, dixo, están a conseguir achegar o mellor da nosa gastronomía a todos os públicos.

Nava Castro fixo estas declaracións hoxe en Vigo durante a entrega dos Bid Gourmand Michelín Galicia 2017, un recoñecemento que outorga Michelín a todos aqueles establecementos que ofrecen unha boa proposta gastronómica a un prezo razoable e que nesta edición premiou a 15 restaurantes galegos.

Durante a súa intervención, a responsable de Turismo da Xunta recordou que, grazas a profesionais como eles, Galicia está a ser considerada un referente nacional e internacional no eido gastronómico, axudando a posicionar a nosa Comunidade como destino gastronómico de calidade.

15 restaurantes Bid Gourmand

 Neste sentido, Nava Castro recordou a importancia da gastronomía na estratexia turística galega que, como dixo, está centrada en poñer especial énfase no vínculo que a gastronomía ten co resto de elementos diferenciadores do noso turismo.

O premio outorgado por Michelín premia o traballo dos restaurantes Arcadia (Arcade), O Balado (Boqueixón); Mar de Ardora (Cabana de Bergantiños); El de Alberto (A Coruña); Muíño (Esteiro); O Camiño Inglés (Ferrol); Trasmallo (A Guarda); Zurich (Laxe); Casa Barqueiro (Negreira); Comei Bebei (Oleiros); O xantar de Otelo (Redondela); Casa Marco (Vigo) e A Tafona, Ghalpón Abastos, e Mar de Esteiro, os tres en Santiago de Compostela.

Arriba