24 ago 2017

O número de pernoitas nos hoteis acadou no mes de xullo o seu mellor rexistro con 1,25 millóns

O bo comportamento do verán, sumado á tendencia do primeiro semestre, permite acadar 2,4 millóns de turistas aloxados en establecementos hoteleiros de Galicia e 4,5 millóns de pernoitas, datos que supoñen máximos históricos na Comunidade

 

 O turismo en Galicia continuou a súa tendencia positiva durante o pasado mes de xullo ata acadar cifras históricas. Os hoteis da Comunidade rexistraron entón 1,25 millóns de pernoitas, o que supón un aumento do 3,7% respecto ao mesmo período do ano pasado e é o mellor rexistro no sétimo mes do ano.

Con estes datos, recentemente publicados polo Instituto Nacional de Estatísticas (INE), confírmanse as boas sensacións do sector e trasládase tamén ao verán o bo comportamento que se viña producindo no primeiro semestre do ano. En particular, o turismo internacional presenta uns datos moi salientables, con 160.000 viaxeiros e máis de 276.000 noites de hotel. Isto supón incrementos do 6,7% e do 13,7% respecto a xullo de 2016 e constitúen novos récords. O seu peso no conxunto da demanda afiánzase e representa o 27,5% dos viaxeiros aloxados.

Tamén a demanda dos turistas nacionais seguiu á alza e estableceu un máximo histórico na Comunidade galega, pois nunca antes se lograra superar a barreira das 700.000 pernoitas en xullo, una cifra mellorada con folgura no pasado mes, cando acadou as 722.000.

Turismo internacional en aumento

As positivas cifras de xullo, sumadas as anotadas xa no primeiro semestre, volven a levar ao turismo en Galicia a cifras récord. Así, a cifra de viaxeiros medrou de xaneiro a xullo un 3,2% ata os 2,4 millóns. Pola súa banda, a de pernoitas subiu un 6,5% ata as 4,5 millóns.

Este crecemento veu da man de todos os mercados, especialmente do internacional, que creceu a un ritmo do 6,2% e do 10,7% en viaxeiros aloxados e pernoitas. O nacional tamén medrou, neste caso nun 2,6% e un 6,5%, respectivamente, e obtén preto de 2,2 millóns de pernoitas, a cifra máis elevada dos últimos sete anos. Da mesma maneira, o turismo interno incrementouse un 1,2% no relativo aos viaxeiros aloxados e un 2,8% nas pernoitas.

Estratexia do turismo de Galicia 2020

Turismo de Galicia celebra novamente estas boas cifras, que avalan o esforzo do sector, con quen a Xunta traballa da man na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta que acompaña esta subida sustentable no número de turistas que a Comunidade recibe.

Esta Estratexia dispón dun orzamento de 240 millóns de euros en tres eidos: paisaxe, gobernanza e proxección. O primeiro concentra a maior parte dos investimentos e contén actuacións dirixidas aos recursos naturais, á sustentabilidade, á potenciación dos valores diferenciadores, á mobilidade e aos Camiños de Santiago. A Xunta aposta nesta Estratexia pola calidade como signo distintivo para fortalecer a imaxe de Galicia como un destino tranquilo, onde gozar todo o ano dos numerosos recursos que a diferencian doutras zonas.

 

Arriba