02 xan 2018

Galicia lidera a estratexia europea que impulsará o uso turístico sustentable do patrimonio cultural durante o ano 2018

 Como membro de NECSTouR, a Rede de Rexións Europeas para un turismo sustentable e competitivo, encabeza o grupo de traballo que está a planificar as accións programadas de cara ao Ano Europeo do Patrimonio Cultural de 2018

 
Trabállase na elaboración dun manifesto que axudará a posicionar o turismo como aliado para acadar un patrimonio vivo, protexido e que poida ser desfrutado
 
A Comunidade galega intercambiará boas prácticas e promoverá a reflexión sobre o papel que está a ter o turismo cultural para reducir a estacionalidade dos destinos
 
Está previsto un calendario de reunións durante 2018, que comezará en xaneiro durante a Feira Internacional do Turismo (Fitur) que se celebra en Madrid

 Con motivo da conmemoración do Ano Europeo de Patrimonio Cultural que se celebrará o vindeiro ano, Galicia está a liderar o deseño da que será a estratexia europea que incentive o debate e propoña plans de acción para garantir a sustentabilidade turística do amplo patrimonio cultural europeo.

Como líder do grupo de traballo de turismo cultural de NECSTouR, a Rede de Rexións Europeas para un turismo sustentable e competitivo, Galicia está afondar en toda a planificación prevista para o ano que vén con vistas a buscar unha política común de turismo e cultura na Unión Europea e unha estratexia que axude a posicionar o turismo como un sector aliado dun patrimonio cultural que poida ser desfrutado ao tempo que é protexido e revalorizado.

Para iso, as accións buscan que os máis de 60 membros de nove países que forman parte desta rede europea –entre autoridades de ámbito europeo de máis de 30 rexións, así como universidades e entidades académicas- elaboren e asinen un manifesto que afonde no turismo como factor revalorizador do patrimonio e reforce o sentido de pertenza dos cidadáns mentres se fomenta o crecemento económico e desenvolvemento laboral nas rexións nas que se practica. Tamén está previsto un calendario de reunións entre as rexións membros que comezarán o vindeiro mes de xaneiro durante a Feira Internacional de Turismo (Fitur) e que continuarán noutras datas claves do calendario turístico.

Conservación da autenticidade

Galicia terá a oportunidade de compartir as experiencias de boas prácticas realizadas na Comunidade galega onde o modelo turístico galego –planificado mediante a Estratexia do turismo de Galicia 2020- traballa para garantir a preservación dos espazos especialmente sensibles e a conservación da súa autenticidade e dos seus valores patrimoniais. De feito, dos 240 millóns de euros de orzamento da Estratexia, a maior parte están destinados a cuestións que teñen que ver coa sustentabilidade no territorio.

Ademais de compartir boas prácticas, todas elas formarán parte dun catálogo que permitirá deseñar as accións futuras. Tamén se afondará no papel que está a ter o turismo cultural para reducir a estacionalidade e para redistribuír os fluxos turísticos e atraer visitantes que xeren sustentabilidade económica e ambiental aos destinos. Do mesmo xeito, e para atopar solucións comúns aos desafíos actuais, impulsarase a difusión do patrimonio nas escolas e os seus novos usos axudando a reinventar antigos espazos baixo estándares de calidade. Buscaranse, ademais, alianzas estratéxicas con institucións turísticas europeas.

Actividades conxuntas

Na contorna comunitaria, a participación de Galicia nesta rede europea supón unha vantaxe competitiva, que permite deseñar políticas públicas co intercambio dos socios europeos e promocionar a Comunidade galega neste ámbito. Froito destes intercambios entre os socios de NECSTouR, Galicia está a traballar, por exemplo, na posta en marcha dunha nova marca turística, Wild Atlantic Ocean Heritage Route (WAOHR) que vincula o patrimonio cultural acuático con actividades deportivas como o mergullo, unha iniciativa na que se está traballando para a súa posta en marcha o vindeiro ano.

NECSTouR ten entre os seus obxectivos promover o intercambio de experiencias e o deseño de programas conxuntos para impulsar o desenvolvemento sustentable, a creación de sinerxías entre distintos territorios e a aplicación de boas prácticas no sector. Estase a consolidar como unha eficaz ferramenta para asesorar ás autoridades comunitarias e buscar socios noutras rexións para afrontar desafíos comúns, uns obxectivos que contan co respaldo de Galicia ao compartir estas liñas de traballo.

 
Arriba