22 xan 2018

Turismo de Galicia recibe en Fitur os premios ao mellor expositor e ao mellor produto de turismo polas ‘Experiencias nos parques naturais’

 Galicia faise co galardón ao mellor expositor das institucións e comunidades polo seu deseño, a calidade dos materiais empregados e a atención ao público

 
Inspírouse nun pazo, convertido no fogar da Comunidade en Fitur, como símbolo da acollida e a hospitalidade que os galegos saben brindar aos nosos visitantes
 
As actividades de aventuras e lecer nos seis parques naturais, distinguidas como mellor proposta de turismo activo a nivel nacional por Fitur e a revista ‘AireLibre’
 
Galicia ´é unha das comunidades máis galardonadas polos seus stands de FITUR.

 A proposta de Galicia en Fitur volve acadar importantes recoñecementos. A Xunta recibiu dous dos premios concedidos na 38ª edición desta feira de turismo internacional que se celebra en Madrid. En concreto, a Comunidade alzouse hoxe co galardón ao Mellor Stand na categoría de institucións e comunidades autónomas e ao Mellor Produto de Turismo Activo polas súas Experiencias nos parques naturais, unha nova oferta impulsada recentemente pola Consellería de Medio Ambiente e Turismo de Galicia.

Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, foi a encargada de recoller ambas distincións en nome do Goberno autonómico. “Estes premios son un aliciente que nos anima a seguir traballando e que nos confirma que o noso modelo turístico é valorado e apreciado”, afirmou.

No caso do expositor, Fitur tivo en conta especialmente o deseño do mesmo, os materiais empregados na súa execución e a atención prestada ao público. O stand, que se estreaba nesta ocasión e tamén participará en máis feiras ao longo deste ano, inspíranse nun pazo, reinterpretado segundo parámetros do século XXI, combinando a tradición e vangarda da que Galicia é bo exemplo. Ademais, elixiuse un pazo polo seu simbolismo, convertendo así o stand nun fogar, mostra da acollida e a hospitalidade que os galegos brindan aos visitantes.

No mesmo acto, a Xunta tamén recolleu o premio ao Mellor Produto de Turismo Activo a nivel nacional, que conceden Fitur e a revista AireLibre, un galardón de longa traxectoria que recae nas Experiencias nos parques naturais. Este produto, lanzado o pasado outono, crea unha ampla e variada oferta de aventuras e propostas de lecer para realizar nas Fragas do Eume, O Invernadeiro, Serra da Enciña da Lastra, Parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés, Monte Aloia e Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán.

Turismo de calidade e comprometido

Trátase dunha vintena de iniciativas de turismo sustentable como rutas ornitolóxicas e rutas fotográficas, sendeirismo, ciclismo ou equitación, saídas en barco, kaiak, paddle surf e paddleboard, visitas a covas, aldeas ou adegas, dispoñibles durante todo o ano.

“Galicia ofrece un turismo de calidade e comprometido coa contorna na que se desenvolve. Un turismo que aproveita e revaloriza o seus mellores recursos”, sinalou Nava Castro.

 
Arriba