Os premios Galicia Parabéns distinguen iniciativas de embelecemento paisaxístico nos concellos de Boqueixón e Portomarín
Os Premios Galicia Parabéns queren poñer en valor e cofinanciar as mellores actuacións promovidas polas entidades locais que teñan como obxectivo a conservación, mellora e embelecemento da paisaxe galega e os seus núcleos de poboación
O premio na Categoría I recaeu no Concello de Boqueixón pola súa iniciativa na mellora e embelecemento do Pico Sacro e a súa contorna
Na Categoría II resultou gañador o Concello de Portomarín, polo proxecto de mellora e embelecemento do Parque Agustín do Río, no acceso á vila dende o Camiño Francés
Os Concellos de Boqueixón e Portomarín recibiron os Premios Galicia Parabéns na súa primeira edición de mans do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, esta tarde en Santiago de Compostela.
Os Premios Galicia Parabéns son unha iniciativa da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, que que quere poñer en valor e cofinanciar as mellores actuacións promovidas polas entidades locais que teñan como obxectivo a conservación, mellora e embelecemento da paisaxe galega, e a integración en plena harmonía dos elementos arquitectónicos en todos os seus núcleos, buscando ademais a sensibilidade e colaboración da cidadanía na salvagarda da esencia da nosa terra. Trátase, en definitiva, de preservar os elementos paisaxísticos de Galicia como elemento clave da nosa identidade e recurso turístico de incalculable valor.
Modalidades
Nesta primeira edición dos Premios, establecéronse dúas modalidades. A Categoría Primeira distingue actuacións xa realizadas nos últimos dez anos, que se completarán cun novo proxecto que mellore as accións acometidas previamente. A Categoría Segunda está destinada a premiar os proxectos presentados para novas intervencións. A dotación económica destes premios estará destinada a sufragar os gastos das obras de execución destes proxectos, co obxectivo de seguir mellorando a imaxe da nosa Comunidade.
Premio ao Concello de Boqueixón pola mellora do Pico Sacro e a súa contorna
A actuación distinguida co Premio Galicia Parabéns na súa Primeira Categoría recoñece o esforzo do Concello de Boqueixón na mellora do Pico Sacro e a súa contorna. Nos últimos anos, Boqueixón ten destinado un importante esforzo á posta en valor deste cumio, referente xeográfico, paisaxístico, histórico e lendario, e fito clave no relato Xacobeo.
O proxecto que se financiará coa dotación económica do Premio Galicia Parabéns abrangue novas actuacións nesta área. Por un lado, o reacondicionamento do Centro de Interpretación do Pico Sacro, para favorecer non só o achegamento físico a este enclave, senón tamén a comprensión da súa xeografía, xeoloxía, historia e lendas. Por outro, o proxecto procura ademais melloras na integración paisaxística de edificacións existentes, e a recuperación da harmonía entre arquitectura e paisaxe. Neste sentido, actúase para minimizar o impacto visual do depósito municipal de augas sito na propia faldra da montaña; e procédese ao derrubamento dunha estrutura de formigón que, tras décadas de abandono, era una verdadeira ferida na paisaxe.
Premio ao Concello de Portomarín pola mellora do Parque Agustín do Río
A actuación merecedora do Premio Galicia Parabéns na súa Segunda Categoría distingue ao Concello de Portomarín polo proxecto de mellora do Parque Agustín do Río e da súa contorna, un proxecto que permitirá embelecer a primeira estampa que teñen da vila os peregrinos que chegan a Portomarín polo Camiño Francés e dotar novos servizos para veciños e visitantes .
Esta área de recreo, creada hai máis de medio século coa urbanización do novo Portomarín, e degradada polo paso do tempo e por sucesivas intervencións que foron deteriorando a súa imaxe, é un punto estratéxico na panorámica xeral desta localidade. A integración paisaxística, reducindo o impacto do formigón nas súas vistas; a recuperación de especies forestais autóctonas para enriquecer o seu valor natural, e a creación de espazos de lecer para veciños e visitantes son as fortalezas da iniciativa que se vai financiar a través deste premio.