O Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), dependente do departamento de Turismo da Xunta, vén de alzarse vencedor entre as 40 escolas máis prestixiosas de todo o mundo participantes no Young Hoteliers Summit (YHS), o evento organizado por estudantes que explora as tendencias, posibilidades e oportunidades no sector hoteleiro.
Na 9ª edición deste certame que se celebrou estes días na École Hôtelière de Lausanne, en Suiza, baixo o tema Miradas no futuro: seguindo o impulso do crecemento participaron os alumnos Marta Casas e Pablo González. Durante varias xornadas desenvolveron diferentes actividades, formaron grupos con estudantes doutros países e presentaron proxectos ata que, finalmente, o CSGH resultou vencedor grazas ao traballo de Marta Casas.
No Young Hoteliers Summit exploráronse temas que abarcan desde novas ideas de marca e esquemas de comercialización ata as tendencias para internet das cousas na industria da hospitalidade e no cambio da paisaxe da propiedade do hotel.
Os oradores principais deste ano foron Tina Haller, directora senior de KPMG; Michael Levie, CEO de CitizenM e Steve Hood, vicepresidente senior de STR. YHS tamén albergou o certificado anual no Hotel Industry Analytics (CHIA), con obradoiros para todos os delegados dos estudantes, no que participaron a directora do CSHG, Marta Fernández Vázquez, e o subdirector, Luis Rial.
Máis de 20 promocións
O CSHG conta xa con máis de 20 promocións no mercado e unha inserción laboral do 95%. Os seus preto de 2.000 antigos alumnos traballan en empresas de todo o mundo. Desde o Centro Superior de Hostelería de Galicia, ademais, mantense contacto permanente co sector, pois se realizan xornadas técnicas sobre cuestións de interese e actualidade. Así mesmo, a súa Escola Itinerante de Formación capacita a pequenos establecementos de restauración nas zonas identificadas cun forte potencial e un menor desenvolvemento.