19 mar 2018

Reunión da ‘España verde’ en Madrid para definir unha estratexia conxunta de promoción

Galicia forma parte desta alianza turística xunto a Asturias, Cantabria e País Vasco que en 2018 apostará polo Camiño de Santiago, a enogastronomía e o surf

Xuntanza da España Verde en Madrid.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou no Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital nunha nova xuntanza da marca España Verde, unha alianza turística que agrupa as comunidades autónomas de Asturias, Cantabria, País Vasco e Galicia que, polas súas características, configuran un atractivo destino polas súas paisaxes e outros recursos comúns que multiplican o seu xa potencial individual.

Este encontro de traballo, que dá continuidade ao celebrado o pasado mes de decembro en Santander, serviu para definir unha estratexia conxunta de promoción dos catro territorios, que apostarán ao longo deste ano polo Camiño de Santiago, a enogastronomía e o surf.

Os representantes destas catro comunidades do norte peninsular, acompañados do director xeral de Turespaña, Manuel Butler, acordaron afondar na súa colaboración para continuar a posicionarse como un destino único no mercado internacional. De feito, naquelas feiras nas que estean presentes ao menos dúas das rexións, acudirán baixo a marca España Verde.

Un potencial que se multiplica

Deste xeito, aproveitase todo o seu potencial natural, de costa e de interior, cun modelo de turismo slow e sustentable, en liña coa Estratexia do turismo de Galicia 2020. Así, póñense en valor as 14 Reservas da Biosfera da Unesco, tres Parques Nacionais, 25 parques naturais, onde practicar actividades de turismo activo, ou unha cultura milenaria excepcional cunha icona universal como o Camiño de Santiago, entre outros moitos recursos culturais. A todo iso engádese unha oferta enogastronómica recoñecida con máis de medio centenar de Estrelas Michelin ou 19 Paradores e 2.800 aloxamentos de turismo rural en todo o territorio.

Xunto a Nava Castro, en representación da Xunta de Galicia, estiveron presentes nesta xuntanza en Madrid Julio González, director xeral de Comercio e Turismo do Principado de Asturias; Eva Bartolomé, directora xeral de Turismo de Cantabria, e Isabel Muela, viceconselleira de Turismo e Comercio do País Vasco. Todos eles obtiveron o compromiso de Turespaña de seguir a impulsar a España Verde a través de novas accións promocionais.

 

 

Arriba