O decreto de vivendas de uso turístico cumpre o seu primeiro ano en vigor no que Galicia se consolida como un destino responsable
O decreto de vivendas de uso turístico cumpre esta semana o seu primeiro ano en vigor, un período no que funcionou dun xeito satisfactorio e acadou os seus obxectivos ao ofrecer un marco de seguridade xurídica para os interesados en comercializar estes servizos e para os usuarios e a sociedade en xeral.
A normativa que regula esta nova tipoloxía de aloxamento, que representa unha tendencia a nivel global, permitiu neste tempo a ordenación de máis de 5.400 vivendas de uso turístico en todo o territorio da Comunidade. A través desta norma autonómica, trabállase por garantir a calidade e contrólase a competencial desleal, harmonizando amais usos e actividades.
A boa marcha deste decreto autonómico, no que se materializa o traballo do Goberno galego neste eido nos últimos anos, radica na súa sinxela aplicación e no feito de que foi deseñado en diálogo co sector e tendo en conta tanto o interese xeral como o marco comunitario.
Este tipo de aloxamentos constitúen na actualidade o 16% de total das 163.000 prazas de aloxamento turístico coas que conta Galicia. Por provincias, a maior parte concéntrase en Pontevedra e A Coruña, mentres que en Lugo e Ourense teñen unha menor presenza. En canto á súa distribución por concellos, o maior parte de vivendas de uso turístico rexistradas atópanse en destinos costeiros ou urbanos como Sanxenxo, Santiago de Compostela, O Grove, Barreiros, Foz, A Coruña, Vigo, Poio, Cangas, Carnota, Fisterra e Bueu, entre outros.
Inspección e colaboración
Tras un primeiro ano destinado a regularizar a nova situación, este aloxamento se incorpora ao Plan de inspección turística de Galicia co fin de seguir avanzando na súa aplicación. Para levar a cabo este labor, o Goberno galego busca a colaboración dos concellos e do Goberno central, polas súas competencias neste eido, e das plataformas online de comercialización.
Cómpre lembrar que o alugueiro vacacional conta en Galicia con tres tipos de aloxamento: apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico. As dúas primeiras estaban xa reguladas con anterioridade a este decreto. A principal novidade foi a ordenación das vivendas de uso turístico, aquelas cedidas a terceiras persoas, dunha forma reiterada e a cambio de contraprestación económica, para estadías de curta duración, amobladas e equipadas en condicións de inmediata dispoñibilidade, entre outras características.
Para poder comercializar, polo menos en dúas ocasións ao longo do ano, estas vivendas deben estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT), para o que se debe presentar unha declaración responsable.