19 xul 2018

O Consejo Jacobeo aproba o logotipo oficial do Xacobeo 2021 e acorda pór en marcha os beneficios fiscais a partir de outubro

 Presentado a proposta do Goberno galego, o logotipo toma como punto de partida a imaxe anterior co protagonismo da vieira, que gaña en volume e se simplifica para facilitar a súa aplicación a contornas dixitais sen perder identidade de marca

 
Creouse, ademais, unha tipografía específica de trazos suaves aínda que compacta e mantéñense o vermello e o gris como cores corporativas
 
Os incentivos fiscais aplicaranse dende o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de setembro de 2021 para fomentar a participación cidadá e empresarial nesta celebración
 
Logo do Xacobeo 2021.

 Os membros da Comisión Executiva do Consejo Jacobeo aprobaron o logotipo oficial do Xacobeo 2021 a proposta do Goberno galego, que estivo representado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua e a comisaria do Xacobeo 2021.

Co fin de actualizar algúns aspectos da marca, o novo logotipo retoma o punto de partida da imaxe anterior polo que a vieira continúa a ter protagonismo como un elemento iconográfico do Camiño de Santiago. No redeseño realizado para o Xacobeo 2021, modeláronse as nervaduras da vieira para outorgarlles un maior volume e a imaxe simplifícase a unha soa, fronte as catro do anterior logotipo. Preténdese así facilitar a súa aplicación a contornas dixitais sen perder a identidade de marca. A vieira está acompañada da palabra Xacobeo 2021, para o que se creou unha tipografía específica de trazo suave aínda que compacto. Mantéñense o vermello e gris como cores corporativos.

A Comisión Executiva do Consejo Jacobeo recordou que a partir do 1 de outubro de 2018 entrará en vigor o programa de beneficios fiscais que se aplicarán ata o 30 de setembro de 2021. Con estes incentivos preténdese fomentar a participación cidadá e empresarial nesta celebración e contribuír ao desenvolvemento social e económico dos municipios xacobeos.

Na reunión de hoxe, tamén se avanzou na definición das liñas xerais do programa de actividades que se desenvolverá durante os vindeiros tres anos coa intención de convidar ao diálogo ao redor do fenómeno xacobeo, impulsar o desenvolvemento das áreas do rural do Camiño de Santiago, promover este patrimonio como fonte de inspiración para a creación artística contemporánea e fomentar o coñecemento do Camiño de Santiago entre os novos.

O Consejo Jacobeo é o órgano de cooperación que facilita a comunicación entre o Goberno central e as comunidades autónomas do Camiño de Santiago, onde, ademais de Galicia están integradas o País Vasco, Cataluña, Principado de Asturias, Cantabria, A Rioxa, Aragón, Navarra e Castela e León.

 

Arriba