23 xul 2018

Padrón acolle ata finais de xullo a exposición en 3D ‘De mar a mar’ coa que a Xunta celebra o ano do Camiño Portugués

Tras o seu paso por Pontevedra con éxito de público, esta mostra itinerante pode verse ata finais deste mes no Claustro do Convento do Carme en horario de tarde

Está composta por máis de 30 fotografías en tres dimensións e inclúe pezas de gran formato ao redor do patrimonio e as paisaxes da ruta xacobea

Dentro do seu compromiso por potenciar un itinerario por ano, Turismo de Galicia dedica 2018 a esta ruta e ao Camiño Portugués pola Costa con diferentes accións de mantemento e tamén accións de dinamización musical e cultural

Imaxe da exposición.

 A localidade de Padrón acolle ata o 29 de xullo a exposición itinerante en 3D De mar a mar, coa que Turismo de Galicia está a celebrar o ano do Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa. A mostra, que chega a Padrón tras o seu paso con éxito pola cidade de Pontevedra, é unha recompilación de varias fotografías en tres dimensións e de gran formato realizadas coa técnica estereográfica

As imaxes retratan o patrimonio, as paisaxes e aos propios peregrinos tanto do Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa como do Camiño Inglés e o de Fisterra e Muxía, as catro rutas nas que está presente esta mostra itinerante e ás que o Plan director do Camiño de Santiago dedica os principais investimentos nestes dous últimos anos.

A exposición enmárcase nas accións de dinamización cultural que se están a levar a cabo este ano en diferentes localidades do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa aos que o Plan director do Camiño de Santiago dedica este ano. A Xunta está a centrar os seus esforzos en 2018 en ambos itinerarios tanto con actuacións de acondicionamento e mantemento como con accións divulgativas e culturais, como esta exposición que poderá visitarse en Padrón no Claustro do Convento do Carmen ata o vindeiro 29 de xullo de luns a sábado de 18,00 a 21,00 horas.

Xunto a esta mostra, Padrón tamén ten presenza nas actividades de dinamización previstas para este ano, como o programa musical e de contacontos Vive o Camiño, organizado por Turismo de Galicia, cuxa parada nesta localidade coruñesa está fixada para o vindeiro mes de setembro coa participación de Celso F. Sanmartin e Silvia Penide.

 
Arriba