06 ago 2018

A Xunta amplía a súa colaboración cos concellos de Arousa Norte para impulsar o seu liderado como destino turístico accesible

O Goberno galego mobiliza 200.000 euros para consolidar esta zona costeira en eidos especializados como o turismo deportivo, a náutica ou a gastronomía

Nava Castro, cos representantes da Mancomunidade Arousa Norte

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asinou un convenio de colaboración coa Mancomunidade de Municipios Arousa Norte para os dous próximos anos que permitirá continuar impulsando este destino como un referente en turismo accesible, entre outras accións de mellora e promoción.

O acordo, dotado cun investimento de 200.000 euros, brinda un marco de estabilidade para acadar os obxectivos deste destino, composto polos concellos da Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Ribeira. O documento prevé cinco liñas estratéxicas, a primeira das cales dá continuidade ao traballo a prol dun turismo inclusivo. Así, e seguindo as directrices do Plan de accesibilidade turística de Galicia impulsado pola Xunta, e tras ter desenvolvido produtos neste sentido, o convenio céntrase agora na accesibilidade universal aplicada á promoción apostando, como sinalou Nava Castro, por “un turismo verdadeiramente humano”.

“Desenvolver a actividade turística en toda Galicia e apostar pola mellora da competitividade e da calidade son dous dos nosos principais obxectivos”, afirmou a directora, quen celebrou que esta colaboración entre administracións fará que Arousa Norte sexa “máis deporte, máis cultura, máis náutica, máis natureza, máis gastronomía e, por suposto, máis accesibilidade”.

Arousa Norte afondará nas súas singularidades como destino diferenciado, interesado en medrar dun xeito sustentable, tal e como propón a Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta acordada entre a Xunta e o sector e que impulsa o papel dos xeodestinos. Isto está a permitir consolidar o turismo como fonte de riqueza económica, social e cultural.

Promoción e asistencia a feiras

No marco do convenio asinado, impulsarase tamén o turismo de natureza en Arousa Norte, así como o deportivo, coa configuración e promoción dunha oferta de turismo náutico na ría, a loxística e organización dos circuítos comarcais de carreiras populares, a organización das probas da ruta dos 100 quilómetros ou a través da dinamización das rutas e sendas.

Entra as súas liñas estratéxicas atópase tamén a aposta polo turismo gastronómico, aliñado co futuro Plan de turismo enogastronómico, compromiso do Goberno autonómico que se está a deseñar precisamente nestes momentos. Por último, prevense accións de promoción e comunicación en internet e para axentes especializados, enquisas, asistencia a feiras, a adquisición dun expositor promocional, novo material ou unha iniciativa de difusión da Traslatio.

 

Arriba