06 ago 2018

Turismo de Galicia reafirma o seu apoio á celebración, promoción e difusión da Festa da Istoria de Ribadavia no seu 30 aniversario

 É unha das 12 festividades de Interese Turístico Nacional da Comunidade galega, e unha das primeiras en obter este recoñecemento na provincia de Ourense

O apoio ás festas forma parte do obxectivo da Estratexia do turismo de Galicia 2020 por potenciar os recursos propios protexéndoos e poñéndoos en valor

Turismo de Galicia continúa así impulsando o potencial turístico desta provincia, que está a ser a que está a experimentar a mellor evolución turística neste ano

 
Participantes na sinatura do acordo para a promoción da Festa da istoria.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, asinou  un convenio coa Fundación Festa da Istoria de Ribadavia para renovar o compromiso do Goberno galego coa promoción desta celebración, unha das 12 festividades galegas recoñecida de Interese Turístico Nacional e que este ano cumpre o seu 30 aniversario.

Esta festa foi, hai máis de 20 anos, unha das primeiras da provincia de Ourense en obter esta distinción, onde tamén teñen este recoñecemento os entroidos de Verín e Xinzo de Limia e a Festa do Polbo do Carballiño. O respaldo da Administración autonómica á Festa da Istoria materializouse un ano máis co acto de sinatura do convenio asinado hoxe, co que a Xunta achegará 25.000 euros como parte do seu compromiso por potenciar os recursos propios de Galicia protexéndoos e poñéndoos en valor.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou a importancia desta festividade porque, como dixo, “en cada edición demostra que Galicia é quen de saber achegar ao presente as tradicións e vivencias de épocas pasadas con recreacións medievais de gran calidade como as que se realizan en Ribadavia”..

Impulso para a provincia de Ourense

Tamén valorou a súa contribución para que Galicia avance no seu obxectivo de converterse nun destino diferenciado, como así se marca na Estratexia de turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego elaborada xunto co sector. A Festa da Istoria de Ribadavia, que se celebra na última fin de semana de agosto, está a converterse nun recurso de especial interese para a proxección deste concello, do xeodestino do Ribeiro e da provincia de Ourense ao completo.

Neste sentido, a responsable de Turismo da Xunta tamén manifestou a súa satisfacción porque Ourense estea a ser, no que levamos de ano, a provincia galega con mellor evolución turística. Recibiu preto de 170.000 viaxeiros que superaron as 300.000 noites, o que supón un incremento da demanda de case un 5%. Salientou, ademais, o especial incremento en eidos como o turismo rural, cunha subida que roldou o 24%. 

 

 

Arriba