A cidade de Dublín acolleu a presentación da oferta turística de Galicia aos principais operadores irlandeses
A Xunta participou na mesa de traballo ‘Irish Travel Industry Trade Show’
A oferta turística de Galicia presentóuse na capital de Irlanda, Dublín, no marco da mesa de traballo Irish Travel Industry Trade Show, no que estiveron representados os principais operadores deste país. A Xunta estivopresente nesta reunión na que tamén participou o ente de promoción turística de España Turespaña así como representantes doutras comunidades autónomas.
O departamento de Cultura e Turismo difunddiu entre os empresarios turísticos irlandeses a oferta relacionada coa natureza, a cultura, as cidades e a gastronomía, así como o Camiño de Santiago nun dos países que máis peregrinos achega ano tras ano, segundo os datos da Oficina do Peregrino. Nesta reunión profesional, Turismo de Galicia tivo a oportunidade de contactar con grandes operadores irlandeses para presentarlles os produtos que máis se adaptan ao gusto dos cidadáns de Irlanda e así incorporar a oferta galega aos viaxes organizados que parten desta illa.
Polo que respecta á demanda turística, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), a estadía media dos viaxeiros irlandeses nos establecementos hoteleiros galegos medrou un 27,3% en relación ao mesmo período do ano 2018. Polo que respecta ao Camiño de Santiago, os datos da Oficina do Peregrino revelan que o pasado ano recolleron a Compostela máis de 7.500 peregrinos irlandeses, un 13,55% máis que o ano anterior, situándose como o sétimo país estranxeiro con máis peregrinos.
Turismo de Congresos
Por outra parte, continuando co calendario anual da promoción dos produtos turísticos galegos, Cultura e Turismo participou na reunión profesional Meeting and Incentive Summit, un workshop destinado á comercialización do turismo de reunións, entre os operadores nacionais e internacionais.
Esta actividade desenvolveuse en Madrid, onde o departamento de Turismo da Xunta puido contactar con máis dunha vintena de profesionais da organización de congresos, convencións e reunións de empresa.