25 mar 2019

Reciben o distintivo Compromiso de Calidade Turística 42 entidades no destino de Terras de Pontevedra Norte-Deza Tabeirós

 Román Rodríguez participou na entrega destes recoñecementos que premian o esforzo e o compromiso pola calidade dos profesionais do sector turístico

 
En España hai 191 destinos con este distintivo, dos cales 7 están en Galicia
Acto de entrega das distincións de calidade turística.

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou  no acto de entrega de recoñecementos do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED) que se celebrou no auditorio Manuel Costa Casares de Agolada. Foron distinguidos neste acto 42 entidades turísticas que desenvolven a súa actividade no destino de Terras de Pontevedra Norte-Deza Tabeirós.

España conta con 191 destinos recoñecidos con este distintivo, dos cales 7 están en Galicia. No caso de Terras de Pontevedra Norte-Deza Tabeirós, forma parte do club dos destinos SICTED desde 2017 e que concentra un 9% das distincións entregadas en toda España. Nestes dous anos, como salientou Román Rodríguez, “os profesionais que forman parte deste destino traballan sen descanso pola excelencia e por certificar a súa calidade”.

Das 42 entidades recoñecidas, case o 15% recaeron en aloxamentos rurais, mentres que os hoteis, restaurantes e comercios supoñen o 12,72%. Os museos e centros de interese turístico, pola súa parte, recolleron o 11% das distincións. A eles súmanse axencias de viaxe, oficinas de información, empresas de turismo activo ou adegas.

Tras a entrega de diplomas, o conselleiro de Cultura e Turismo descubriu unha placa SICTED nos Pendellos de Agolada, unha des entidades recoñecidas durante o acto. Neste recinto celebrarase, ademais, unha visita guiada e unha degustación de produtos locais.

Situación a nivel autonómico

Ao marxe do destino de Terras de Pontevedra Norte-Deza Tabeirós, Galicia ocupa unha posición destacada en comparación cos destinos cos que máis se asemella, cos da España Verde. Neste sentido, en 2018 Galicia foi a segunda Comunidade desta marca turística con máis destinos SICTED, sete, só por detrás do País Vasco. Ademais, o número de empresas que acadou esta distinción duplicouse na última década e a nosa Comunidade autónoma pasou de ter 286 distincións no ano 2008 ás 598 coas que pechou o pasado ano.

Xunto a estes distintivos tamén é destacada a posición galega noutras certificacións de calidade como as Q de Calidade Turística, que se entregaron onte. O sector turístico galego actualmente con 282, a cifra máis alta acadada nunca pola Comunidade.

 
Arriba