Nava Castro destaca o atractivo da Semana Santa galega que chega este ano co maior número de festas de interese turístico
A directora de Turismo de Galicia participou en Santiago de Compostela nun acto no que se deron cita representantes de varias celebracións con esta distinción
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou cada vez máis importante atractivo da Semana Santa galega que este ano se celebrará co maior número de festividades deste tipo declaradas de interese turístico. Así o manifestou no transcurso dun encontro-coloquio organizado pola Xunta de Confrarías da Semana Santa de Santiago de Compostela no que se deron cita representantes de varias celebracións con esta distinción en Galicia.
Durante a súa intervención, Nava Castro recordou que a nosa Comunidade conta con dúas festas recoñecidas coa máxima distinción que poden acadar no eido turístico. As de Ferrol e Viveiro son de Interese Turístico Internacional e seis máis son de Interese Turístico de Galicia: Betanzos, Cangas, o Santísimo Cristo de Fisterra, Mondoñedo, Paradela e Santiago de Compostela.
Neste sentido, salientou a importancia da Semana Santa da capital galega, que se estreará este mesmo ano co recoñecemento de Interese Turístico de Galicia, tras telo acadado o pasado ano. Tamén outras localidades avanzan neste proceso, como é o caso da Semana Santa de Lugo, á que o Consello de Turismo deu o visto bo, como paso previo para ser elevado a Consello da Xunta, órgano responsable da declaración definitiva.
Nava Castro salientou o esforzo e traballo das diferentes confrarías galegas “por saber facer que tradicións como estas convivan perfectamente co pasado, co presente e tamén co futuro, ao tempo que se converten en importantes atractivos para os viaxeiros”, indicou.
Ademais do encontro-coloquio, a iniciativa da Xunta de Confrarías de Santiago de Compostela inclúe tamén unha exposición en San Domingos de Bonaval durante esta fin de semana, onde se expoñen hábitos, estandartes e diversos obxectos de confrarías. Proporciónase tamén información de interese, datos e peculiaridades sobre as mesmas. A entrada é de balde e está aberta hoxe de 10,00 a 18,00 e mañá de 10,00 a 14,00 horas.