01 abr 2019

Cecilia Pereira presenta o Xacobeo 21 no encontro anual da principal asociación de amigos do Camiño de Estados Unidos

 Galicia divulga a Ruta Xacobea en Carolina do Norte coa exposición ‘The way to Santiago. A contemporary experience of pilgrimage’ de Manuel Valcárcel

 
Segundo os datos da Oficina do Peregrino, os estadounidenses consolídanse como o terceiro país estranxeiro do que proveñen máis peregrinos
 
A comisaria do Xacobeo 2021, na presentación dos Estados Unidos.

 A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, participou no estado estadounidense de Carolina do Norte na 22ª reunión anual da American pilgrims on the Camino, a maior asociación de peregrinos de EE.UU, onde se presentou a mostra fotográfica The way to Santiago. A contemporary experience of pilgrimage. A exposición promove a riqueza e diversidade da experiencia do Camiño de Santiago e xa puido verse en 2018 en Boston e en Chicago.

A iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo coa colaboración de Correos amosa a experiencia contemporánea da peregrinación a través de diferentes instantáneas e material audiovisual. Retrata o patrimonio, as paisaxes e aos propios peregrinos en contacto permanente co medio natural e o pasado histórico da ruta xacobea. Reflicten, ademais, o encontro do peregrino consigo mesmo, con outros peregrinos, compañeiros de ruta, coa poboación local e co marco dun Camiño de Santiago universal e aberto.

A exposición, obra do fotógrafo Manuel Valcárcel, chega a Carolina do Norte despois de pasar polo Emerson College, do Campus de Harvard, na cidade de Boston como parte das actividades da primeira edición do Camino Film Festival Boston, unha iniciativa audiovisual na que se proxectaron películas sobre o fenómeno xacobeo. A súa próxima parada será no Instituto Cervantes de Nova York.

A programación desta mostra nos Estados Unidos enmárcase dentro das accións de promoción internacional e divulgación cultural ao redor do fenómeno xacobeo que son tidas moi en conta no Plan Director do Camiño de Santiago. Segundo os datos da Oficina do Peregrino, os Estados Unidos estanse a consolidar como o terceiro país estranxeiro do que proveñen máis peregrinos, só por detrás de Italia e Alemaña.

 

Arriba