A Xunta e a Fundación ONCE únense para favorecer a accesibilidade universal no Camiño de Santiago
No marco deste proxecto, implementarase unha solución dixital para que persoas invidentes ou con problemas de visión poidan percorrer as etapas do Camiño Francés
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asinou un convenio de colaboración co vicepresidente executivo da Fundación ONCE, Alberto Durán, para a cooperación e inclusión social de persoas con discapacidade co obxectivo de desenvolver a accesibilidade universal no Camiño de Santiago a través do proxecto Camino de Santiago: tu compañero del Camino. “Queremos que o Camiño de Santiago sexa unha experiencia inclusiva; que calquera persoa poida sentirse peregrino, adentrarse nas súas etapas e durmir nos seus albergues”, afirmou o conselleiro.
Este proxecto aplicarase no Camiño Francés ao longo do seu percorrido por España e Galicia é a primeira comunidade autónoma que asina este convenio.
Así, no marco deste acordo, implementarase unha solución dixital para mellorar a accesibilidade do percorrido para persoas invidentes ou con problemas de visión, a partir da dixitalización precisa dos percorridos asociados a cada unha das etapas do Camiño, a xeración de contidos dixitais accesibles asociados aos seus puntos de interese e a integración de ditos contidos dixitais cunha aplicación accesible de guiado sensorial. A finalidade deste traballo é que os usuarios dispoñan dunha aplicación móbil accesible capaz de guialos utilizando a información dixital dos percorridos, xerados con alta calidade e precisión, e ofrecerlles unha audiodescrición accesible dos puntos de interese para facilitarlles o desprazamento e a interacción cos elementos do entorno.
Ademais, desenvolverase unha versión accesible da aplicación do Instituto Geográfico Nacional do Camiño de Santiago para facilitar a empregabilidade e acceso de todas as persoas á información sobre certos recursos turísticos, así como un xestor de contidos web que permita a xestión da información turística proporcionada e a adición de novos recursos.
Este acordo, forma parte dun proxecto global da Fundación ONCE para o que destina máis de 300.000 euros e no que a Xunta aporta 24.200 euros. Así mesmo, enmárcase no Plan Director do Camiño de Santiago que identifica entre os retos da peregrinación xacobea a mellora da acollida ao peregrino para asegurar a satisfacción das súas necesidades a mellora da accesibilidade.
O titular do departamento autonómico agradeceu á Fundación ONCE a súa colaboración, destacando que “xuntos, derrubamos barreiras en favor da integración e facilitamos o acceso e a estancia a todos os peregrinos”.
Pola súa banda, o vicepresidente executivo de Fundación ONCE destacou a importancia de promover a accesibilidade universal no ámbito turístico e cultural, “un esforzo necesario para o desenvolvemento pleno das persoas con discapacidade e para a súa inserción real e efectiva na sociedade”, apuntou Alberto Durán.
Referentes do turismo inclusivo
O Plan de accesibilidade turística da Xunta de Galicia dedica un apartado específico ao Camiño de Santiago con sete liñas estratéxicas que se suman as catro coas que conta en xeral o destino Galicia. O documento proporciona ao destino e ao sector turístico galego o soporte e as ferramentas adecuadas para avanzar en cuestións de accesibilidade universal. Ademais das medidas físicas postas en marcha, no plan proponse deseñar produtos e rutas de turismo accesible, impulsar campañas de sensibilización para lograr a complicidade da sociedade e do sector, entre cuxos profesionais se promoverá a formación en lexislación sobre accesibilidade e atención ao cliente con diversidade funcional e necesidades diversas.
Cómpre destacar que a Xunta, en colaboración coa ONCE, leva instaladas máis de 1.600 placas e atrís que dispoñen de altorrelevos, braille e pictogramas, entre outras características, para que calquera peregrino poda guiarse de xeito independente polo interior e exterior dos albergues. Estes elementos instaláronse en todas as estancias: habitacións, aseos, duchas, cociña, comedores, salas comúns, tendais, zonas de paso restrinxido…
Así mesmo, baixo a marca Descubre o teu propio Camiño, o Camiño Francés ofrece a posibilidade de que peregrinos en cadeira de rodas poidan contratar un servizo para facer diversas etapas en Galicia e León. Esta iniciativa é resultado do proxecto europeo Saber Universal no que participa a Xunta e que se desenvolve no principal itinerario xacobeo e no camiño de San Benedito de Italia. En total, habilitáronse cinco paquetes para persoas con discapacidade visual, mobilidade reducida e público senior. No caso de Galicia, a viaxe vai dirixida a grupos mixtos, compostos por dúas persoas en cadeira de rodas que peregrinarán con handbikes eléctricas e híbridas, que adaptarán ao seu ritmo a peregrinación e irá acompañados de dúas ou tres persoas en bicicleta. Poderán sentir así a emoción final do Camiño de Santiago, cubrindo etapas entre León e Santiago de Compostela, con aloxamento en hoteis de tres estrelas, hostais e albergues accesibles.