Román Rodríguez reúnese coa directiva da Fegamp para impulsar a cooperación nos eidos turístico e cultural coa vista no Xacobeo 21
Ambas institucións asinarán un protocolo para coordinar accións vinculadas ao Camiño de Santiago en materia de conservación, mantemento e dinamización
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuniuse co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, co obxectivo de impulsar a cooperación nos eidos turístico e cultural coa vista posta no Xacobeo 21. Acompañados dos seus respectivos equipos, abordaron a necesaria planificación ante un evento que precisa da implicación de todas as administracións da Comunidade, especialmente neste caso dos concellos.
A xuntanza permitiu abrir un espazo de diálogo entre ambas entidades e sentar as bases a novas colaboracións na gobernanza turística e en materia cultural, un ámbito no que as entidades locais xogan un papel fundamental por ser as máis próximas á cidadanía.
Especialmente salientable foron os temas abordados sobre o Camiño de Santiago, que discorre por 120 concellos nos seus diferentes itinerarios oficiais. Neste sentido, Román Rodríguez transmitiu a oportunidade de asinar un protocolo de colaboración entre a Xunta e a Fegamp co que coordinar as accións vinculadas á Ruta Xacobea en conservación e mantemento, así como na realización de actividades na antesala do vindeiro Ano Santo.
Afondaríase así no fomento da colaboración e organización interadministrativa, a primeira liña estratéxica presente no Plan Director do Camiño, facendo que as diferentes institucións se corresponsabilicen da preservación, dinamización e difusión deste recurso patrimonial que supón un motor de desenvolvemento e xerador de riqueza para o medio rural.
Así mesmo, puxéronse sobre a mesa as distintas convocatorias de subvencións e cofinanciamento que a Consellería de Cultura e Turismo ten previsto lanzar ao longo deste ano e que van destinadas a mellorar o potencial e capacidade das entidades locais.
Entre elas atópase a orde de axudas, xa aberta, para a dotación de novidades editoriais en galego, en formato físico, así como para a mellora das súas coleccións bibliográficas, tanto das bibliotecas como das axencias de lectura públicas de titularidade municipal que estean integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia. Inclúense nela dous programas que, en conxunto, reciben 650.000 euros, un 15% máis de investimento que no pasado ano.