Abertas as dúas primeiras liñas de axudas do Plan MAT de mellora de aloxamentos turísticos con 4 millóns de euros
A Consellería de Economía, Emprego e Industria ofrecerá apoios que permitirán aos propietarios de 500 locais rebaixar á metade os gastos de compra de materiais para a execución de reformas
O departamento de Cultura e Turismo subvencionará actuacións de accesibilidade, modernización, incremento da categoría, mellora de servizos ou aforro enerxético
Este plan, que aglutina a cinco departamentos do Goberno galego, busca afondar nun destino máis competitivo e profesionalizado que aposta pola calidade
A Xunta de Galicia abre hoxe as dúas primeiras liñas de axudas do Plan MAT de Mellora de Aloxamentos Turísticos que foi aprobado o pasado xoves no Consello da Xunta. Trátase de dúas ordes, da Consellería de Economía, Emprego e Industria e da Consellería de Cultura e Turismo, dotadas con 4 millóns de euros coa previsión de que poidan beneficiar a 550 establecementos galegos.
En concreto, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), impulsa o programa Reforma TUR 2019, unha iniciativa pioneira que contará cun investimento de 3M€ para facilitar a mellora e modernización de servizos de 500 establecementos hoteleiros. En concreto, está dirixido a hoteis, hoteis baleneario e hoteis talaso cun máximo de 40 prazas, así como instalacións de turismo rural e albergues privados situados no Camiño de Santiago.
O programa achegará axudas que cobren o 25% e alcanzan rebaixas do 50% nos gastos de compra de materiais para a reforma dos establecementos, ao sumar outro desconto do 25% a facer polas empresas adheridas ao programa. As axudas públicas poderán acadar os 25.000 euros. A iniciativa, que prevé mobilizar máis de 24M€, contribuirá a estimular tanto a actividade económica como o emprego entre as pemes e os autónomos do sector da construción.
O prazo para a presentación de solicitudes de axuda, que serán resoltas por vía telemática en cuestión de días, estará aberto para as entidades colaboradoras desde mañá, 29 de xaneiro e ata o 28 de marzo, mentres que os locais hoteleiros disporán desde o 28 de febreiro ata o 30 de abril para a presentación. As solicitudes dos beneficiarios deberán presentarse nos establecementos adheridos ao programa. Pode consultarse na web da Xunta.
Un sector máis competitivo
Pola súa banda, a Consellería de Cultura e Turismo lanza unha orde de subvencións dun millón de euros, en concorrencia competitiva, para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento regrado da Comunidade. A través dela, poderán cubrirse investimentos dirixidos a accións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas nestes negocios; obras para a optimización das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial a Q de Calidade Turística; ou actuacións para incrementar a clasificación do establecemento e elevar a súa categoría.
Comprende, así mesmo, iniciativas de climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético; a modernización das instalacións e do embelecemento do entorno ou a renovación dos equipamentos mobles necesarios para o funcionamento do establecemento de aloxamento nas súas diferentes tipoloxías.
Poderán ser beneficiarios das subvencións os establecementos turísticos de aloxamento incluídos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta (REAT), con especial incidencia nas pequenas e medianas empresas do sector. Deberán acreditar unha antigüidade na actividade non inferior á cinco anos. Ademais, entre os criterios de valoración atópanse tamén o grado de investimento, o impacto no emprego, o tamaño da entidade e que estean en posesión tanto dalgún certificado de calidade para o sector turístico como dalgunha certificación ambiental internacionalmente recoñecida. Finalmente, terase en conta que a empresas solicitantes teñan implementados un plan de igualdade ou de formación.
O investimento neto admitido por cada proposta será de ata 100.000 euros. Os proxectos poderán acadar unha subvención de ata o 35% sobre o orzamento do investimento subvencionable. Polo tanto, o importe máximo da axuda a cada entidade beneficiaria será así de 35.000 euros. A porcentaxe de axuda calcularase en base a puntuación que acaden. Así, entre 61 e 100 puntos recibirán o 35%, entre 41 e 60 o 30% e entre 20 e 40 o 25%.
O prazo de presentación de solicitudes desta segunda liña será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG). Está dispoñible para a súa consulta na web da Xunta.
Obxectivos do Plan MAT
O Goberno galego, a través de cinco departamentos, impulsa o novo Plan MAT co obxectivo de seguir configurando un destino máis competitivo e que aposta pola calidade. Así, están presentes a Presidencia da Xunta, a través de Amtega; a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape e do Inega; a Consellería de Cultura e Turismo, que coordina as diferentes accións; a Consellería do Medio Rural, a través de Agader, e a Consellería do Mar. A través das distintas liñas de axudas previstas e das numerosas actuacións que impulsará, estimularase a innovación, a accesibilidade e a dixitalización deste sector, que supón un piar fundamental da economía da nosa Comunidade
Por unha parte, búscase mellorar a oferta existente, dotándoa de máis e mellores servizos na procura da excelencia e a calidade. Por outra, configurar unha oferta axustada e especializada nos distintos territorios que son potencialmente interesantes pola súa vinculación ao medio mariño e pesqueiro, así como ao medio rural. Deste xeito, aspírase a un triplo obxectivo de dinamización, crecemento e empoderamento e profesionalización.
O Plan MAT prevé liñas para incentivar a oferta e dirixir o esforzo cara a consecución dun mellor tecido turístico que dea e manteña a vida en contornos naturais, maritimo-pesqueiros e rurais, cunha concepción da oferta feita desde o territorio, polo territorio e para o territorio. Na actualidade, considérase que a oferta é boa, pero precisa ampliarse a través de diferentes liñas de negocio ata acadar un sector máis forte e cunha oferta variada e profesionalizada.
As liñas estratéxicas do Plan MAT buscan a mellora estrutural da competitividade do sector turístico, a formación, calidade e actualización, a innovación e desenvolvemento e a comercialización e busca de sinerxías. Entre os seus eixos de actuación inclúense a valorización do medio/contorno, a eficiencia e mellora enerxética, a accesibilidade universal, con especial atención á igualdade, e a dixitalización e a sociedade do coñecemento.
Amplo abano de iniciativas
O Plan MAT comprende preto de vinte liñas de axudas para a creación ou mellora de establecementos de aloxamento, a través de subvencións e instrumentos financeiros. Igualmente, vai acompañado de numerosas actuacións tales como a creación dun mapa interactivo de axudas que permita ao sector coñecer polo miúdo os recursos dispoñibles; actividades formativas, xornadas de networking global e sectorial, encontros informativos con expertos, difusión de boas prácticas, recoñecemento e distinción da excelencia; cursos de especialización a cargo de entidades de prestixio como o Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), formación e xornadas de sensibilización en accesibilidade, actividades orientadas á innovación e de apoio á xestión e actualización continua ou divulgación.
Establécense, ademais, actuacións en eidos singulares para o aproveitamento dos aloxamentos turísticos nos Camiños de Santiago, termalismo, turismo e xuventude (festivais, deportes...) e turismo científico (ornitoloxía, astronomía, xeoloxías ou patrimonio industrial).