29 xan 2019

Turismo de Galicia abre a convocatoria dos Premios Galicia Parabéns que distinguen iniciativas de embelecemento paisaxístico

 A Consellería, a través da Axencia Turismo de Galicia, destina 800.000 euros para recoñecer actuacións municipais que destaquen por conservar, mellorar e embelecer as paisaxes, núcleos poboacionais e os Camiños de Santiago

 
Poden participar nesta terceira edición os concellos, as agrupacións de concellos, mancomunidades e os consorcios locais galegos que cumpran os requisitos
 
Desde a posta en marcha destes galardóns premiáronse accións desenvolvidas nos concellos de Boqueixón, Portomarín, Mondoñedo e Celanova
 
Paisaxe de Galicia.

 Os Premios Galicia Parabéns que outorga a Consellería de Cultura e Turismo a través da Axencia Turismo de Galicia para distinguir as actuacións públicas dirixidas a conservar e embelecer as paisaxes galegas vén de abrir a súa terceira convocatoria como publica o Diario Oficial de Galicia (DOG).

Cun investimento global de 800.000 euros para 2019 e 2020, a Xunta de Galicia premia así as actuacións destinadas a mellorar as paisaxes, os núcleos poboacionais e os Camiños de Santiago dentro do territorio da Comunidade Autónoma. Poderán participar nesta convocatoria concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais que cumpran os requisitos. Entre todos eles premiaranse dúas iniciativas.

Os premios están distribuídos en dúas categorías: a primeira distingue os proxectos ou actuacións realizadas nos últimos dez anos para conseguir unha mellora da paisaxe cunha integración axeitada de elementos arquitectónicos ou con mellora estética dos núcleos poboacionais, entre outras. Tamén se inclúen nesta categoría as iniciativas ou actuacións de embelecemento realizadas nos lindeiros das rutas dos Camiños de Santiago. A segunda categoría premia os mellores proxectos dirixidos á realización de obras de revalorización tanto para promover unha mellora da paisaxe como para intervencións nos núcleos poboacionais ou nos lindes da Ruta Xacobea.

Outorgarase un premio de 400.000 euros en cada unha das categorías. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, onde os interesados en concorrer a estes premios poden consultar tamén as bases da convocatoria e a documentación precisa a presentar.

Coidado do territorio

A Consellería de Cultura e Turismo renova así o seu compromiso por impulsar proxectos turísticos que fagan de Galicia un destino mellor a través do coidado súa paisaxe e do seu patrimonio. Nas anteriores edicións o Goberno galego premiou aos concellos de Boqueixón, polo seu esforzo na mellora do Pico Sacro; ao de Portomarín, polo seu proxecto para reordenar o Parque Agustín do Río; ao de Mondoñedo polas iniciativas de mellora no núcleo histórico e ao de Celanova polas melloras realizadas en Vilanova dos Infantes.

Arriba