04 mar 2019

Cultura e Turismo impulsa unha nova oficina de turismo en Sanxenxo para reforzar a atención aos viaxeiros nas Rías Baixas

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron esta nova infraestrutura situada á entrada do municipio, no enlace coa autovía do Salnés

 
Foi posible ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Consellería e este concello pontevedrés, polo que a Xunta achegou máis de 70.000 euros
 
Será unha das principais portas de entrada ao turismo desta localidade, que o ano pasado visitaron máis de 270.000 persoas que fixeron máis de 850.000 noites
Oficina de turismo no Salnés.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron a nova oficina de turismo de Sanxenxo impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo. Situada na entrada do municipio, no enlace coa autovía do Salnés, ofrecerá información sobre os recursos e a oferta turística de Sanxenxo, a súa contorna e a Comunidade galega.

Durante a visita, Nava Castro explicou que esta nova infraestrutura “é todo un exemplo de coordinación entre administracións e fortalecerá a calidade de Sanxenxo como destino turístico, mellorando e reforzando a atención aos milleiros de viaxeiros que recibe cada ano”, recordando os máis de 270.000 viaxeiros que elixiron este municipio o ano pasado, que fixeron máis de 850.000 noites.

Foi, ademais, un destino no que se constatou esa desestacionalización pola que a Xunta traballa xunto ás diferentes administracións e sector, xa que os meses nos que máis medrou a súa demanda turística foron fóra de tempada alta como xaneiro, maio, ou decembro. Amais, o tempo que pasan os viaxeiros neste destino é superior á da media galega.

Destino de calidade

A nova oficina -froito dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Concello de Sanxenxo polo que a Xunta investiu máis de 70.000 euros- ofrecerá información de actividades de interese, de oferta de aloxamento, de axencias de viaxes, guías, restaurantes, transportes, horarios de atención, rutas turísticas e dos diversos recursos de Sanxenxo, das Rías Baixas e dos numerosos atractivos da Comunidade.

O reforzo e mellora das oficinas de turismo forma parte dos obxectivos fixados na Estratexia do turismo de Galicia 2020, consensuada co sector en favor dun turismo de calidade e responsable. A Estratexia 2020 outorga a estas infraestruturas un papel relevante a través de varias liñas de traballo simultáneas dedicadas á mellora de puntos de información, á coordinación mediante a cooperación de toda a cadea de valor ou actualizando os servizos.

 

 

Arriba