27 abr 2019

Galicia promove a internacionalización do Camiño Portugués recibindo a unha expedición de xornalistas filipinos

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, saudou en Redondela ao grupo que está a percorrer diversos tramos do Camiño de Santiago en toda a Comunidade

O conselleiro Román Rodríguez cos visitantesfilipinos.

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, saudou  a unha expedición de xornalistas filipinos que están a realizar diversas etapas do Camiño de Santiago, ao seu paso por Redondela. Esta visita forma parte do calendario de promoción da Xunta de Galicia no obxectivo de aumentar a internacionalización do turismo.

A expedición, que chegou o pasado martes e finalizará a súa viaxe o vindeiro luns, está a coñecer diferentes itinerarios xacobeos como o Camiño Francés, o Camiño de Fisterra e Muxía e o Camiño Portugués. Cómpre destacar que este itinerario, xunto co Camiño Portugués da Costa supoñen o 25% dos peregrinos que durante o 2018 recolleron a súa Compostela. O conselleiro declarou que agarda que esta “moi benvida visita serva como escaparate para dar a coñecer a nosa terra en Filipinas, para que o mercado asiático continúe medrando e o Camiño chegue cada vez a máis países como símbolo de universalidade”.

Román Rodríguez lembrou que o ano pasado fixeron o Camiño peregrinos de preto de 180 países e “Asia é precisamente un dos mercados emerxentes nos que destaca a popularidade da Ruta Xacobea en Corea do Sur, xa que só no ano pasado chegaron máis de 5500 camiñantes deste país”, apuntou.

Máis turismo internacional

Neste sentido, os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística reflicten que o turismo internacional medrou en Galicia en preto dun 3% no primeiro trimestre do ano. Un dos principais factores que contribúe a este aumento é precisamente a internacionalización do Camiño de Santiago. 

 

 
Arriba