13 mai 2019

A oferta turística galega presentouse no País Vasco a través da feira Expovacaciones

A estadía media dos viaxeiros vascos aloxados nos establecementos hoteleiros de Galicia medrou un 2,2% durante o primeiro trimestre de 2019

Recinto de Galicia en Expovacaciones 2019.

 A oferta turística galega promomoveuse ao longo da pasada fin de semana nunha das feiras especializadas máis importantes de España. Trátase do certame Expovacaciones, que se celebrou no recinto feiral Bilbao Exhibition Centre (BEC).

Esta é unha feira de carácter profesional que tamén estivo aberta ao público xeral e que contou cunha grande concentración de visitantes, xa que é o certame con máis tradición dos que se celebran nesa Comunidade no ámbito turístico. Para Galicia é unha cita idónea para a súa promoción de cara ao público final no País Vasco, que é ademais unha das comunidades do norte peninsular coas que forma parte da marca turística da España Verde e coa que se traballa para reforzar a promoción turística conxunta.

Nesta edición, a Consellería de Cultura e Turismo estivo presente cun recinto de deseño de 48 metros cadrados de superficie que difundiu a oferta turística xeral da Comunidade galega, reforzando a promoción dos produtos relacionados coa natureza e a cultura, así como a enogastronomía e o Camiño de Santiago.

Demanda turística

Polo que respecta á demanda turística, no primeiro trimestre deste ano 2019 rexístrase un comportamento positivo do mercado vasco en Galicia, tendo en conta a estadía media no aloxamento hoteleiro. Deste xeito, este valor subiu un 2,2% no primeiro trimestre, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE). O mercado vasco é o sétimo en orde de importancia, e o sexto se temos en conta soamente ao receptor nacional, excluíndo aos galegos.

 

 

 

Arriba