Cultura e Turismo participa na presentación da próxima edición do Galicia Surf Pro
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, asistiron á presentación do certame en Santiago
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e da directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación do Galicia Surf Pro, que se celebrará en Ferrolterra, do 27 de agosto ao 7 de setembro, convertendo á Comunidade nun referente deportivo e turístico a nivel internacional.
Neste sentido, o conselleiro lembrou que a comarca de Ferrolterra é un dos destinos turísticos con mellor evolución no ano 2018 e destacou que “durante o verán, a estadía media do visitante tamén se incrementa, un feito ao que, sen dúbida, contribúen eventos de longa duración como o Galicia Surf Pro”. Ademais, no primeiro trimestre deste ano, o turismo internacional medrou un 21% en Ferrolterra con respecto ao mesmo período do ano pasado.
Román Rodríguez tamén destacou a importancia deste evento, que une os valores do deporte co respecto ao medio ambiente, ao tempo que lembrou que Galicia é un escenario inmellorable para a práctica, non só do surf, senón tamén de sendeirismo, BTT ou navegación entre outros.
Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou a importancia do surf en Galicia e o pulo fundamental que atopa “nun dos nosos mellores eventos” como é o Galicia Surf Pro. De feito, a Comunidade galega é a segunda con maior número de licenzas federativas e tamén a segunda con maior número de clubs con actividade. “Combinar Galica é surf é todo un acerto que xera unha mestura que ofrece natureza, hospitalidade, deporte de alto nivel e Igualdade”, apuntou.
‘Galicia Surfing’
A Xunta de Galicia puxo en marcha a iniciativa Galicia Surfing, que pon en valor o potencial da Comunidade neste eido, apostando pola calidade, a autenticidade e a natureza. Neste sentido, propón tres itinerarios de entre tres e 15 días que configuran zonas de surf para todas as direccións de mareas e ventos e aptas para diferentes niveis de preparación.
Durante a presentación do Galicia Surf Pro, o titular de Cultura e Turismo tamén fixo referencia á Estratexia do Turismo de Galicia 2020, na que se enmarca o Galicia Surfing, destacando que é unha folla de ruta que aposta por diferencia a oferta turística que ofrece a Comunidade aproveitando os recursos propios e facéndoos atractivos durante todo o ano. “O mar, dentro do turismo de praia e costa, brinda moitas posibilidades que estamos a potenciar, e o surf é unha delas”, afirmou Román Rodríguez. á presentación do certame en Santiago