Nava Castro salienta as oportunidades que Galicia ofrece ás empresas e aos profesionais do turismo
A directora de Turismo participou en Santiago na apertura do foro ‘Financiamento para as empresas turísticas’ organizado polo Clúster Turismo de Galicia
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou en Santiago de Compostela na apertura do foro de debate Financiamento para as empresas turísticas organizado polo Clúster Turismo de Galicia, onde puxo de manifesto as oportunidades que ofrece a Comunidade aos profesionais do sector e a importancia de que coñezan as todas ferramentas dispoñibles a día de hoxe para dar un impulso aos seus negocios.
Neste sentido, salientou o papel que están a ter as empresas galegas á hora de poñer en valor o potencial natural, cultural e patrimonial de Galicia conseguindo que a actividade turística supoña en Galicia o 10% do PIB e o 11% do emprego. Nava Castro destacou o compromiso dos profesionais por garantir un sector profesionalizado que responda ás necesidades do mercado e contribuíndo a que Galicia mellore en indicadores como a estadía media, desestacionalización e rendibilidade hoteleira. “Son parámetros nos que desde o sector estades a traballar e por iso tamén é importante que vos formedes e informedes para que os vosos negocios prosperen cada vez máis”, explicou.
Nava Castro animou aos profesionais a coñecer mellor as circunstancias que rodean o financiamento das empresas turísticas e os incentivos existentes á hora de solicitar axudas económicas, con iniciativas formativas como a que se celebrou hoxe da man de expertos do sector financeiro e das administracións que ofreceron a súa experiencia para axudarlles no acceso aos recursos. Entre outras, informouse sobre propostas como o Plan MAT de mellora de aloxamentos turísticos dirixido á renovación da oferta aloxativa, a súa dimensión e a súa adecuación en materia de sustentabilidade e accesibilidade.