A comisaria do Xacobeo 21 subliña os lazos históricos entre Italia e Santiago na inauguración do XXXI encontro compostelán
A iniciativa, organizada polo Centro Italiano de Estudos Compostelanos, abordou o significado, historia e actualidade do padroado de Santiago en Italia
O evento é unha mostra do interese internacional que suscita a Ruta Xacobea en Italia, o país estranxeiro que máis peregrinos achega
A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, presidiu na cidade italiana de Perugia a inauguración do XXXI Encontro Compostelán, unhas xornadas organizadas polo Centro Italiano de Estudos compostelanos, que teñen como obxectivo abordar o significado, historia e actualidade do padroado de Santiago en Italia. Durante a súa intervención, Cecilia Pereira puxo en valor os estreitos lazos que uniron ao longo da historia a Italia con Galicia grazas, en boa parte, á Ruta Xacobea.
No marco de este encontro, a comisaria do Xacobeo 21 tamén participou nunha xuntanza con representantes de cidades italianas que teñen a Santiago como patrón e á que asistiron, entre outros, os alcaldes de Caltagirone, Pistoia e Mandas. As xornadas rematarán mañá coa entrega de credenciais a un grupo de peregrinos que comezará o Camiño de Santiago.
O XXXI Encontro Compostelán está presidido por Paolo Caucci, presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, órgano asesor do Xacobeo. Precisamente, a celebración deste evento é unha mostra do interese internacional que suscita a peregrinación, especialmente en Italia, o país estranxeiro que máis peregrinos achega. De feito, o ano pasado recibiron a Compostela máis de 27.000 italianos.