18 xuñ 2019

As Bandas Populares Galegas participan na nova edición de ‘Música no Camiño’ con 20 concertos na praza de Praterías

A iniciativa celebrarase ata o mes de agosto a través de diferentes actuacións musicais gratuítas e enmárcase nos obxectivos do Plan Director do Camiño de Santiago

Nova edición de Música no Camiño.

 A nova edición do ciclo musical Música no Camiño impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo levou a pasada fin de semana á praza de Praterías de Santiago de Compostela dúas das 20 actuacións musicais programadas ata agosto a cargo de diferentes bandas populares galegas para difundir a cultura xacobea e reforzar o papel da cidade como meta do Camiño de Santiago.

O sábado actuou a Unión Musical Ponteledesma, dirixida por Roberto Hermida, e o domingo a Banda de Música Cultural de Teo, baixo a batuta de Álvaro Varela, en ambos casos, ás 20,30 horas. Como en cada edición, Música no Camiño desenvólvese entre xuño e agosto con concertos gratuítos abertos ao público en xeral, especialmente dirixidos aos peregrinos que chegan á etapa final do Camiño de Santiago. Os repertorios incluirán obras populares galegas, música contemporánea para banda e adaptacións de música moderna.

Na edición deste ano a Consellería de Cultura e Turismo colabora coa Federación Galega de Bandas de Música Populares a través dun investimento de 60.000 euros que fará posible a participación dunha vintena de agrupacións que difundirán a cultura xacobea promovéndoa entre galegos e visitantes que viaxan á Comunidade durante o verán.

Este programa -que arrancou coa Banda Municipal de Música de Valga e a de Santa Cruz de Ribadulla- responde ás aspiracións do Goberno galego por fortalecer a cidade de Santiago de Compostela como meta do Camiño, un dos compromisos incluídos no Plan Director do Camiño de Santiago. Esta folla de ruta da Xunta vén desenvolvendo importantes melloras coa vista posta no Xacobeo 2021. A liña de actuación para reforzar o papel da capital galega inclúe a mellora dos seus elementos patrimoniais, optimización de infraestruturas e mellora dos servizos de atención, así como a posta en marcha de iniciativas de carácter cultural e turístico que dinamicen a experiencia dos peregrinos.

PROGRAMACIÓN DE MÚSICA NO CAMIÑO 2019

Lugar: Praza de Praterías

Horario: 20,30 horas

22 xuño. A Lira de Ribadavia

23 xuño. Banda de Música Unión de Guláns

6 xullo. Banda Artística de Merza

7 xullo. Banda de Música da Vertula

2 agosto. Banda de Música Isabel II de Touro

3 agosto. Banda de música da UVCD de Candeán

4 agosto. Unión Musical de Valadares

9 agosto. Banda de Música Municipal de Caldas de Reis

10 agosto. Banda de Música Xuvenil de Torroso

11 agosto. Banda de Música Sementeira de Cambre

16 agosto. Unión Musical de Tenorio

17 agosto. Agrupación Musical Artística de Arcade

18 agosto. Agrupación Musical de Vincios

23 agosto. Banda de Música Popular de Rubiós

24 agosto. Banda de Música de Santádega

25 agosto. Banda Unión Musical de Meaño

 

 
Arriba