A Xunta promove a comunidade galega como destino para a organización de congresos para o mercado anglosaxón
A Consellería de Cultura e Turismo participou durante esta fin de semana no certame The Meetings Space Summer que se celebrou en Helsinki
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, promoveu na capital de Finlandia, Helsinki, a oferta do sector da organización de congresos e reunións de empresa no certame The Meetings Space Summer.
Trátase dun certame tipo workshop no que Turismo de Galicia mantivo ao longo de tres días unha axenda de reunións cos principais operadores turísticos europeos relacionados co MICE (Meetings, Incentives, Conference and Exhibitions). Esta reunión incluíu entrevistas individuais coa maioría dos operadores turísticos presentes na feira, aos que se lles presentou a oferta de produtos e servizos turísticos especializados na Comunidade galega para a organización de congresos e reunións profesionais.
Turismo de reunións
No eido da promoción dos congresos, viaxes de incentivo e convencións, Turismo de Galicia ten previsto participar este ano nos acontecementos máis destacados que se celebrarán en Europa e que están relacionados cos principais mercados internacionais.
Así, ademais deste encontro profesional, o departamento de Turismo da Xunta ten previsto participar en varias reunións de traballo específicas así como na feira EIBTM World que se celebrará durante o segundo semestre do ano na cidade de Barcelona.