22 xuñ 2019

O Xacobeo 21 e a gastronomía do Camiño de Santiago protagonizan esta semana en Nova York o 'Galician Cinema & Food Festival'

 A Consellería de Cultura e Turismo colabora na quinta edición desta iniciativa que se desenvolverá desde o luns no Instituto Cervantes e Cosentino City Manhattan

 
Incluirá, entre outras actividades, a exposición do fotógrafo Manuel Valcárcel organizada pola Xunta, a proxección dun documental sobre a ruta xacobea ou unha degustación a cargo da chef galega Estrela Michelin, Lucía Freitas
 
Cartaz anunciador do acontecemento.

 O Xacobeo 21 e a gastronomía do Camiño de Santiago protagonizarán esta semana un dos eventos máis destacados de promoción de Galicia nos Estados Unidos. A Consellería de Cultura e Turismo colabora na quinta edición do Galician Cinema & Food Festival, que se celebrará desde o luns en diferentes emprazamentos da cidade de Nova York e que incluirá diferentes accións de divulgación do Camiño de Santiago e promoción do vindeiro Ano Santo.

O evento ten programada a inauguración o martes no Instituto Cervantes da exposición itinerante do fotógrafo Manuel Valcárcel The way to Santiago. A contemporary experience of pilgrimage. Impulsada pola Xunta en colaboración con Correos, amosa a riqueza e diversidade da experiencia contemporánea da peregrinación a través de diferentes fotografías e material audiovisual.

Durante a inauguración poranse en valor os produtos galegos a través dun showcooking da chef Estrela Michelin Lucía Freitas que levará a cabo unha degustación inspirada na gastronomía do Camiño de Santiago. Será coa iniciativa The Taste of the Way Day para turoperadores de turismo, prensa especializada e público en xeral. Durante estes días celebraranse tamén diferentes actividades para difundir a gastronomía galega no mercado americano, con accións que se desenvolverán no Consentino City Manhattan.

O Galician Cinema & Food Festival incluirá tamén a proxección dun filme con temática xacobea o 27 de xuño, no último día do evento no Instituto Cervantes. O documental estenderá a súa emisón nos centros galegos de Nova York e Nova Jersey.

Estas accións contribuirán a reforzar o coñecemento do Camiño de Santiago entre os estadounidenses, un dos países que máis peregrinos achega á ruta xacobea. Nos últimos anos, Estados Unidos estase a consolidar como o terceiro mercado estranxeiro do que proveñen máis peregrinos, só por detrás de Italia e Alemaña.

 
Arriba