Galicia reforza en maio o seu liderado no crecemento do turismo en España, cun incremento do 12% nas noites hoteleiras
Foi, xunto con Murcia, a Comunidade cun mellor comportamento turístico chegando a superar en dez puntos porcentuais a media española
A Comunidade galega volveu liderar un mes máis o crecemento do turismo en España. Cun incremento do número de noites de preto do 12%, converteuse xunto con Murcia, na comunidade autónoma que rexistrou un mellor comportamento durante o pasado mes, como se desprende dos datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
A Enquisa de Ocupación Hoteleira revela que o turismo en Galicia está a medrar por riba da media española superando en dez puntos porcentuais as cifras do resto de España, onde o número de noites medrou menos do 1%. A Comunidade galega recibiu en maio 38.000 viaxeiros máis que o ano anterior, quedando a cifra final en máis de 420.000. Trátase dun máximo histórico pois nunca antes os establecementos hoteleiros de Galicia conseguiran superar a barreira dos 400.000 no quinto mes do ano.
Estas boas cifras permiten reforzar os crecementos consecutivos que Galicia viña rexistrando desde novembro de 2018. Así, son case case seis meses de incremento que permiten constatar o traballo de desestacionalización impulsado entre a Xunta e o sector, que está a permitir medrar en temporada media e baixa.
Mellora tanto o turismo dos propios galegos en Galicia –con máis de 178.000 noites, a cifra máis elevada da década– como o nacional e internacional. Tamén a estadía media, que é un 2% superior á do ano pasado. Foi xeneralizado o incremento en todas as provincias galegas con incrementos de diversa intensidade chegando a rexistrarse aumentos dun 17% en Pontevedra, un 12% na Coruña, un 6% en Ourense e un 3% en Lugo.
Competitividade e desestacionalización
Tamén o sector viu mellorados os seus resultados desde o punto de vista económico. Segundo as estatísticas do INE, as tarifas hoteleiras mantéñense estables e a rendibilidade medrou case un 10% en maio. Cos datos coñecidos hoxe, o turismo galego continúa avanzando na boa dirección grazas ao esforzo colectivo do sector e ao compromiso da Xunta de Galicia por traballar nun destino competitivo e desestacionalizado.
Nesa liña, o Goberno autonómico está a impulsar e apoiar novos produtos e iniciativas como Un paseo de historia e vida, que propón rutas polos cascos históricos galegos, ou Os Trens turísticos de Galicia, entre outros. Amais, está a reforzar a súa aposta de impulso ao sector con iniciativas como o Plan MAT de mellora de aloxamentos turísticos para favorecer a modernización e posta a punto do sector.