Turismo de Galicia promove na Coruña o turismo de congresos entre os operadores turísticos especializados de España e Portugal
A Consellería de Cultura e Turismo participou no certame Iberian Mice Forum que se celebrou na cidade herculina
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, promoveu na Coruña a oferta do sector da organización de congresos e reunións de empresa no certame Iberian Mice Forum que se celebrou no centro Palexco.
Trátase dun certame tipo workshop no que Turismo de Galicia mantivo ao longo de tres días unha axenda de reunións cos principais operadores turísticos europeos, entre os que salientan os españois e os portugueses, relacionados co turismo de negocios e congresos MICE (Meetings, Incentives, Conference and Exhibitions).
Esta reunión incluiu entrevistas individuais con 25 operadores turísticos, aos que se lles presentou a oferta de produtos e servizos turísticos especializados na Comunidade galega para a organización de congresos e reunións profesionais.
Promoción do turismo de reunións
No eido da promoción dos produtos e servizos turísticos galegos relacionados con esta modalidade turística, Turismo de Galicia ten previsto participar este ano nos acontecementos máis destacados que se celebrarán en Europa, relacionados cos principais mercados internacionais.
Así, ademais deste encontro profesional e outros que xa se celebraron neste primeiro semestre do ano, o departamento de Turismo da Xunta participará en varias reunións de traballo específicas no que resta de 2019, así como na feira EIBTM World que se celebrará na cidade de Barcelona.