O conselleiro de Cultura e Turismo sitúa ‘O teu Xacobeo’ como exemplo do Ano Xanto participativo e descentralizado polo que aposta a Xunta
Román Rodríguez recibiu aos beneficiarios desta convocatoria de proxectos na Cidade da Cultura
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, recibiu aos beneficiarios da convocatoria de proxectos O teu Xacobeo que participaron na xornada formativa que se celebrou na da Cidade da Cultura.
O titular de Cultura e Turismo destacou a importancia de construír un Ano Santo participativo e sustentable co que conseguir resultados “perdurables que deixen pegada máis alá do ano 2021”. Un dos pasos máis importantes na procura deste obxectivo é precisamente a posta en marcha de O teu Xacobeo, un programa que permitirá impulsar máis de 350 iniciativas cofinaciadas pola Xunta en máis dun cento de concellos galegos.
Trátase de proxectos que contarán cunha achega por parte do Goberno autonómico de preto de 5 millóns de euros e que inciden directamente en aspectos como o desenvolvemento rural, o impulso de novos talentos, o fomento do uso das TIC a proxección da imaxe de Galicia ou á dinamización da mocidade. Ademais, unha parte importante das iniciativas centraranse en mellorar a accesibilidade favorecendo a participación de persoas maiores e de persoas con diversidade funcional. Con todo, o máis importante, tal e como salientou Román Rodríguez, é que se trata de iniciativas que partiron da propia sociedade galega “consciente de que o Xacobeo 21 é unha importante oportunidade para conseguir unha Galicia máis verde, innovadora e competitiva”.
O conselleiro de Cultura e Turismo tamén sinalou a “gran acollida” desta iniciativa, impulsada co obxectivo de implicar e fomentar a participación de todos os axentes da sociedade no deseño do próximo Xacobeo 21. De feito, Román Rodríguez destacou que se recibiron un total de 652 propostas nas tres liñas de axuda abertas e lembrou que a gran afluencia de solicitudes levou a ampliar o investimento inicialmente previsto, pasando dos 2 millóns iniciais a un total de 4,7.
Tres liñas de axuda e cinco ámbitos de actuación
O teu Xacobeo divídese en tres liñas de axudas: unha primeira destinada a proxectos formulados por entidades locais, unha para propostas realizadas por pemes e particulares e unha última centrada en entidades sen ánimo de lucro.
As iniciativas seleccionadas abranguen un total de cinco áreas: o ámbito artístico, patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade, gastronomía, ámbito deportivo e ámbito social. O ámbito artístico comprende toda unha serie de disciplinas como artes visuais, arquitectura, deseño, cultura dixital, moda, cinema e documental, todo tipo de músicas, artes escénicas, literatura e libro. No eido do patrimonio, historia, pensamento e espiritualidade terán cabida foros de reflexión, encontros, publicacións, estudos, etc.
En canto a área gastronómica, inclúense experiencias e actividades de elevado valor engadido, que contribuirán a dar a coñecer e gozar do patrimonio enogastronómico de Galicia achegando a visitantes e locais unha parte das tradicións, oficios, cultura, historia e identidade territorial, así como a promoción de produtos con denominación de orixe ou indicacións xeográficas.
No ámbito deportivo realizaranse eventos de distintas disciplinas deportivas. Inclúense actividades dirixidas e ao aire libre como camiñadas ou rutas organizadas e tamén disciplinas relacionadas co benestar e o gozo respectuoso da natureza. Por último, o ámbito social contempla proxectos relacionados coa defensa dos dereitos humanos ou vinculados a colectivos vulnerables.