Nava Castro celebra co Casco Vello o título de Interese Turístico Nacional para a festa da Reconquista de Vigo
A Xunta celebrou coa asociación de veciños do Casco Vello de Vigo o recoñecemento da Reconquista como Festa de Interese Turístico Nacional converténdose así na primeira da cidade en obter esta distinción. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na celebración dando mostra da satisfacción por que se culminase así o proceso dos últimos anos. Neste tempo, a Xunta amosou o seu permanente apoio asesorando aos organizadores e solicitantes da distinción para conseguir este título, antes de remitir en maio ao Goberno central o informe favorable, último paso para acadar esta distinción.
O Goberno galego continuará a colaborar agora con este festexo, xa que o recoñecemento obtido para a Reconquista suporá, ademais, que teñan unha achega de polo menos 25.000 euros anuais no marco dos convenios que a Xunta asina coas festas que teñen este recoñecemento. A esta cantidade poderán sumarse outros 10.000 euros opcionais a disposición dos organizadores que o soliciten. Galicia suma así 12 Festas de Interese Turístico Nacional, das que cinco están na provincia de Pontevedra.