22 xul 2019

Nava Castro salienta o potencial da Ría de Arousa para atraer viaxeiros da man da tradición xacobea e o turismo náutico

 A directora de Turismo de Galicia participou  en Cambados nos actos do XXXV Remonte anual marítimo fluvial conmemorativo da Traslatio Apostólica

O acto de presentación celebrouse en Cambados

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou no acto institucional celebrado en Cambados do remonte anual marítimo fluvial conmemorativo da Traslatio Apostólica. A cita, que cumpriu a súa trixésimo quinta edición, rememora a chegada do corpo do Apóstolo Santiago desde Palestina ata Padrón, unha iniciativa pola que Nava Castro felicitou á vintena de concellos agrupados na Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla.

A directora de Turismo puxo de manifesto o potencial da Ría de Arousa para atraer cada vez a máis viaxeiros con reclamos como a combinación da tradición xacobea e o turismo náutico, no marco do Xacobeo 21.

Nava Castro referiuse á Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla como un momento especial do calendario xacobeo nunha Galicia que sempre mirou cara ao mar e recordou a importancia que o Camiño de Santiago está a ter na imaxe internacional de Galicia. De feito, o seu carácter universal vólvese poñer de manifesto na variedade das nacionalidades máis presentes no Camiño de Santiago, no que están representados catro dos cinco continentes con países como Alemaña, Estados Unidos, Corea e Australia.

 

 

Arriba