02 set 2019

Galicia participou por primeira vez en Miami na convención ASTA de axencias de viaxe americanas formando a máis de 150 axentes

 A directora de Turismo, Nava Castro, participou esta semana neste evento no que persoal da Xunta impartiu un curso de capacitación sobre o destino Galicia

 
A Comunidade galega contou, ademais, cun expositor compartido con Turespaña para encontros de traballo e citas para dar a coñecer a oferta e recursos galegos
 
A directora de Turismo de Galicia, na convención turística de Miami.

 Galicia participou este ano por primeira vez na Convención Global ASTA organizada pola Asociación de Axencias de Viaxes Americanas que se celebrou na cidade de Miami con máis de 1.200 participantes e onde persoal da Xunta e membros do sector turístico galego impartiron un curso de capacitación sobre o destino Galicia a máis de 150 axentes.

Ademais, a directora de Turismo, Nava Castro, tamén asistiu a esta convención na que Galicia contou cun expositor compartido con Turespaña para encontros de traballo e citas profesionais e onde se promoveu o destino galego para reforzar os lazos turísticos entre ambos destinos de cara ás oportunidades do Xacobeo 2021. Por parte do sector, o Clúster Turismo de Galicia contou neste evento cos turoperadores Rutas Meigas, Pilgrim, Galiwonders, SimplyTravel Galicia, Interrías e Eatour Specialist.

Mercado que medra un 20%

A presenza de Galicia neste evento enmárcase na estratexia turística do Goberno galego por reforzar a presenza internacional e achegar tamén o Ano Santo 2021 a mercados de crecente interese como está a demostrar ser o estadounidense.

É xa o terceiro mercado internacional do que proveñen máis viaxeiros, por detrás de Portugal e Alemaña. O ano pasado máis de 110.000 turistas estadounidenses escolleron Galicia e no que vai de ano a demanda turística de EEUU está a medrar a un ritmo do 20%. O mesmo sucede no eido do Camiño de Santiago, onde tamén é o terceiro país estranxeiro do que proveñen máis peregrinos.

 
Arriba