14 out 2019

O DOG publica a resolución das axudas para infraestruturas turísticas do rural da que se benefician máis de 120 concellos

A liña de axudas convocada pola Consellería de Cultura e Turismo mobilizará máis de 4,7 millóns de euros

 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución da liña de axudas para realizar actuacións de mellora das infraestruturas turísticas no rural da que se benefician este ano máis de 120 concellos galegos cun impacto territorial equilibrado e repartido polas catro provincias.

Esta liña de axudas conta cun investimento de 3 millóns de euros que mobilizan máis de 4,7 millóns para diversificar a oferta turística. O obxectivo é que Galicia ofreza a súa mellor versión para os que nos visitan e, ao mesmo tempo, o turismo axude a construír unha Galicia en mellores condicións.

Este ano, o 21% das subvencións convocadas pola Consellería de Cultura e Turismo destínanse aos concellos da provincia da Coruña, o 30% á de Lugo, o 28% á de Ourense e o 21% á de Pontevedra. A Xunta financia ata o 85% dos proxectos que realicen os concellos ou entidades locais beneficiarias incluíndo desde actuacións de mellora dos accesos, recuperación e tratamento paisaxístico, iluminación ornamental ou actuacións dos Bens de Interese Cultural (BIC) ou que estean en proceso, entre outras accións.

Inclúense accións en infraestruturas que permitirán impulsar o turismo industrial no xeodestino Muros-Noia, o turismo astronómico na Veiga ou turismo fluvial na Pontenova ou Touro; accións que inclúen melloras do patrimonio natural como a mellora de accesibilidade na fervenza do Ézaro, melloras na contorna de varios BIC das catro provincias ou accións en recursos vinculados co patrimonio xacobeo, entre outras.

 

Arriba