23 out 2019

Os hoteis galegos rexistran o mellor mes de setembro da súa historia cun crecemento do 7% no número de noites

 Galicia foi a Comunidade na que máis medrou a demanda hoteleira e a cifra de viaxeiros, mentes que a nivel estatal rexístranse retrocesos

 
Superouse o millón de pernoitas segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, que tamén reflicten un incremento do 7,4% no número de viaxeiros
 
Medran todos os segmentos do mercado, especialmente o número de turistas internacionais, que rexistrou un alza do 15,7% con respecto a 2018
 
A rendibilidade hoteleira medrou por enriba dun 11%, mentres que as tarifas hoteleiras melloraron por sexto ano consecutivo, acadando unha suba do 3,8%
 
Galicia superou o millón de pernoitas.

Os hoteis galegos rexistraron o mellor mes de setembro da súa historia ao superar a barreira do millón de noites, un 7% máis que en 2018. Así o reflicten os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados hoxe, que recollen, ademais, un incremento do 7,4% no número de viaxeiros con respecto ao mesmo mes do ano anterior.

Estas cifras sitúan a Galicia como a Comunidade cun mellor comportamento nestes dous indicadores, mentres que a nivel estatal a demanda hoteleira descendeu de media un 0,6% e a cifra de viaxeiros mantívose estable, cun crecemento do 0,2%.

Segundo os datos do INE, o turismo galego mantén o comportamento positivo rexistrado xa no primeiro semestre do ano e nos meses do verán. De feito, as cifras reflicten un crecemento en todos os segmentos do mercado, ao rexistrárense alzas tanto no turismo interno (+4,1%), como no turismo nacional (+3,2%), e destacando especialmente o incremento do 15,7% no turismo internacional. Precisamente, os visitantes estranxeiros realizaron máis de 323.000 pernoitas nos hoteis galegos, a cifra máis elevada da serie histórica nun mes de setembro.

No que respecta á estadía media, mantense estable na nosa Comunidade, mentres que o nivel de ocupación hoteleira medra por sétimo ano consecutivo nun mes de setembro, cun alza do 3,44%, acadando tamén un máximo histórico.

Crecemento en todas provincias e mellora da calidade

A nivel territorial, todas as provincias rexistraron un comportamento positivo da súa demanda hoteleira, en particular as localizadas no norte. Así, o incremento foi dun 8,9% na Coruña, dun 8,3% en Lugo, dun 5,7% en Ourense e dun 5% en Pontevedra.

Os datos do INE amosan tamén unha mellora noutros indicadores de calidade. Deste xeito, a rendibilidade hoteleira creceu un 11,2% e as tarifas hoteleiras melloraron na nosa Comunidade por sexto ano consecutivo, ao rexistrar unha suba dun 3,8%, a cifra máis elevada da década.

 

Arriba