Cultura e Turismo presenta a celebración dun Nadal Solidario en Vigo en colaboración coa sociedade civil
Celebrarase no Tinglado do Porto entre o 16 de decembro e 5 de xaneiro en horario de 12 da mañá ás 10 da noite, estendéndose á medianoite os sábados e domingos
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a delegada territorial, Corina Porro, presentaron a programación do Nadal Solidario da Xunta en Vigo. Unha actividade na que o Goberno galego, a iniciativa da Delegación Territorial, leva meses traballando, e que implica a varias consellerías e ao Porto de Vigo, coa que pretende contribuír a que a cidade se consolide como un destino turístico nesta época do ano, ao tempo que se recupera o Nadal máis tradicional e solidario. Ademais, o proxecto ten como obxectivo traballar coa sociedade civil, con entidades solidarias, fomentar accións participativas de ambiente familiar e colaborar en positivo coa cidade.
Co obxectivo de afondar na reflexión do que supón e significa o Nadal, a Xunta decidiu impulsar varias iniciativas vinculadas coa promoción e posta en valor desta festividade en Galicia. A finalidade do Goberno galego é contribuír a que os vigueses conten cunhas festas de calidade que se espallan por toda a cidade e das que gocen todos os cidadáns e visitantes.
Este espazo solidario terá lugar no Tinglado do Porto entre o 16 de decembro e 5 de xaneiro en horario de 12 da mañá ás 10 da noite, estendéndose á medianoite os sábados e domingos, con actividades ao longo de todo o día. Unha iniciativa especialmente pensada para as familias e que contará cun espazo solidario, tendo en conta que estas datas son especialmente difíciles para algunhas persoas.
“Trátase dun lugar no que cidadáns, turistas, peregrinos e empresarios poderán achegarse para aportar o seu grao de area para que todos podamos gozar destas datas”, coincidiron en destacar o conselleiro e a delegada. Un espazo que, non obstante é moito máis, xa que contará con actividades que permitirán encher a cidade de Vigo de cultura e tradición.
Segundo detallou a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, durante os últimos meses traballouse de xeito conxunto con 14 ONGs e organizacións solidarias de Vigo para que o Nadal “sexa tamén un tempo de celebración e compromiso para as familias en situación de vulnerabilidade”. Segundo dixo a representante autonómica, “non hai que esquecer que a solidariedade é un sentimento e unha actitude que persegue intereses comúns”.
Tras animar a todos os vigueses e galegos a achegarse ata o Tinglado do Porto para gozar dunhas festas que están a piques de arrancar, Corina Porro detallou algunhas das actividades que durante preto de tres semanas encherán de cor, música, tradición e solidariedade nun espazo pensado para todos os públicos, coas familias como prioridade.
Así, segundo comentou, a animación no exterior contará con decoración tradicional, atraccións para os máis pequenos, foodtrucks e unha grande caseta habilitada para que o paxe real recolla todas as cartas dos nenos e nenas aos Reis Magos. Xa no interior, a peza principal será o Nacemento da Catedral de Santiago, xa que as obras que se están a realizar na basílica impiden este ano a súa exposición pública.
Un montaxe medioambiental ocupará a caseta dependente do porto vigués; o Celta de Vigo traerá xogadores do equipo de primeira división e do equipo integra, formado por deportistas con discapacidade (gañadores este ano da Copa de España), e as 14 ONGs participantes estarán moi presentes con espazos propios nos que informarán das súas actividades.
Organizaranse varios talleres nos que os máis pequenos poderán facer experimentos e facer fósiles coas súas propias mans, un obradoiro específico para que avós e netos podan compartir unha experiencia única e un terceiro taller dedicado a creación de xogos reciclados. Asemade, artesáns galegos farán demostracións dos oficios tradicionais.
O apartado da animación corresponderalle á Federación de Bandas de Música Populares de Vigo e Asociacións de Corais Polifónicas, rondallas e agrupacións teatrais da cidade. Estarán presentes, apuntou Corina Porro, alumnos da Escola de Arte Dramático, o coro infantil da Fundación Mayeusis e do Colexio Montecastelo, a Coral Casablanca e os Bolechas. Asemade, grupos locais e de jazz encargaranse de amenizar no horario ampliado ata as 00.00 horas as noites dos sábados e domingos.
“Vale compromiso”
A delegada da Xunta detívose en particular en explicar o “vale compromiso” a través do que os vigueses poderán amosar o seu lado máis solidario. Segundo informou, unha mouteira do Camiño representará a cada unha das ONGs e actuará a modo de caixa de correos para que os cidadáns e as empresas poidan estender a súa doazón. No vale deixarán o seu contacto para que, tras o Nadal, poidan facer directamente a entrega á organización elixida. “Unha excelente ocasión -sinalou a delegada- para que todos amosemos o noso compromiso para facer destas festas un mellor Nadal”.
Así mesmo, a programación contará con xornadas especiais para os colexios, centros sociais de maiores e os nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro.
En canto ás ONGs que terán presenza neste Nadal Solidario organizado pola Xunta, Corina Porro citou a APAM, Aspanaex, San Rafael, San Francisco, Igualarte, Ayuvi, AFAM, Afaga, Asanog, Bicos de Papel, Comedor de la Esperanza, Misioneiras do Silencio, a Asociación STOP para a recollida de xoguetes e a Fundación Balms para a cooperación con Senegal. Especial mención tivo Corina Porro para Asociación de Comerciantes de Centro Príncipe pola súa implicación neste proxecto.
Con todo, a delegada territorial avanzou que pronto estará dispoñible o calendario pormenorizado para que os cidadáns e os colectivos de Vigo poidan sumarse ás actividades que máis lles interesen.
Xa para rematar, tanto o conselleiro de Cultura e Turismo como a delegada da Xunta quixeron puntualizar que se trata de una programación pensada para contribuír, “na que non competimos, senón que traballamos para sumar e colaborar coa cidade, coa sociedade civil e fomentar a participación e a solidariedade”.