10 xan 2020

A directora de Turismo de Galicia avanza coas comunidades da España Verde as accións promocionais de 2020, que serán coordinadas por Galicia

A directora de Turismo de Galicia, na reunión da España Verde.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou en Bilbao nun encontro da España Verde con representantes das catro comunidades autónomas que integran a marca que, ademais de Galicia, está conformada por Asturias, Cantabria e País Vasco, así como por representantes de Turespaña. Na reunión avanzouse nas accións que Galicia levará a cabo este ano, ao ser a comunidade que coordinará as actividades conxuntas da España Verde. O traspaso de poderes realizarase oficialmente na vindeira edición da Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebrará na segunda quincena de mes en Madrid.

Durante o encontro púxose de manifesto a positiva evolución da promoción conxunta da España Verde en 2019, cando se intensificou o seu posicionamento internacional en mercados como Italia, Reino Unido e Holanda. Ademais, analizouse o impacto das accións relacionadas co 30 aniversario da marca, que se traduciu nunha viaxe de promoción no Tren Transcantábrico, que rematou en Santiago de Compostela.

Arriba