21 set 2021

Aposta polo termalismo para reforzar a imaxe de Galicia como destino seguro, de calidade e sostible

 O vicepresidente primeiro da Xunta, participou na inauguración do “II Congreso Internacional sobre Auga e Saúde” no marco de Termatalia que reunirá a medio cento de expertos en termalismo de 10 países

Destacou a capacidade do turismo termal para desestacionalizar e diversificar o turismo, o peso de Galicia neste sector ao liderar a oferta a nivel nacional e as súas posibilidades de crecemento para dar resposta ao auxe da demanda de experiencias sostibles por parte dos turistas trala covid
 
Alfonso Rueda engadiu que o termalismo encaixa na aposta da Xunta por un modelo de turismo seguro, de calidade e sostible que permitiu obter en xullo un 80% máis de viaxeiros que en 2020 e situar á comunidade 20 puntos por riba da media nacional respecto a 2019
 
O vicepresidente 1º da Xunta, na inauguración de Termatalia.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou  na inauguración do II Congreso Internacional sobre Auga e Saúde a aposta da Xunta polo termalismo pola súa capacidade para diversificar e desestacionalizar a oferta turística, así como fomentar o turismo interno e xerar riqueza nos concellos onde se asentan os establecementos termais. Ao acto tamén acudiu o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

O congreso congregou medio cento de expertos en termalismo de 10 países, o que situará a Ourense como capital do termalismo a nivel internacional no marco de Termatalia, que acolle unha edición especial debido á covid-19 á espera de poder celebrar en 2022 a feira en condicións normais.

Ademais, incidiu en que este sector encaixa na aposta do Goberno galego por un modelo de turismo baseado na seguridade, a calidade e a sostibilidade, como se recolle no Plan Galicia Destino Seguro 2021-2023 no que a Xunta traballa da man co Clúster Turismo de Galicia e as tres universidades galegas. Por iso, salientou as opcións de crecemento deste segmento turístico tendo en conta as demandas dos viaxeiros no escenario postcovid na busca dun turismo tranquilo e experiencias innovadoras relacionadas co turismo de saúde e benestar.

Presentar unha oferta adaptada ás necesidades do novo usuario termal é precisamente o obxectivo do Plan de Sustentabilidade Turística Ourense Termal, no que a Xunta inviste 1,3 millóns de euros e permitirá inxectar máis de 3 millóns para contribuír á dinamización económica das zonas que contan con recursos termais.

Nesta liña, Alfonso Rueda engadiu que esa mensaxe de Galicia como destino seguro, de calidade e sostible, que cumpre tamén o turismo termal, permitiu obter bos datos de afluencia turística neste verán cun 80% máis de visitantes en xullo respecto a 2020 e 20 puntos por riba da media en comparación con 2019.

Estes resultados son froito do apoio da Xunta ao sector coa aplicación de tódolos protocolos anticovid en tódolos establecementos, tamén nos balnearios e talasos, aos que apoiou na formación dos seus profesionais e na mellora das infraestruturas para garantir a seguridade dos usuarios e ofrecer un servizo de calidade. De feito, Galicia é líder a nivel estatal na oferta de turismo de saúde e un referente tamén a nivel internacional grazas ao potencial da comunidade no eido termal e as singulares condicións do territorio para o desenvolvemento do sector.

Así, Galicia sitúase como líder no conxunto do Estado en canto á oferta mineiromedicinal, e tamén é a comunidade con maior número de distintivos de calidade nos establecementos termais, xa que dos 36 establecementos deste tipo en España con Q de Calidade Turística, 8 pertencen á comunidade galega. Ademais, dos 21 balnearios de Galicia, case o 70% son de catro ou cinco estrelas, o que acredita a súa calidade. Por iso, Alfonso Rueda aposta por seguir consolidando este produto turístico estratéxico pola súa importancia para axudar á reactivación do turismo galego.

Na segunda edición deste congreso tiveron protagonismo a pandemia e o Xacobeo 21-22. Por unha parte, a Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago, que a Xunta apoia desde a súa creación en 2010 para formar a médicos neste ámbito, presentou os protocolos para tratamentos en pacientes covid. E, por outra banda, o Clúster Turismo de Galicia deu a coñecer a iniciativa Un descanso nos Camiños, tamén apoiada polo Goberno galego, a través da que se ofertan estancias en establecementos termais das distintas rutas xacobeas para prestar o mellor repouso aos peregrinos.

Xunto co II Congreso Internacional sobre Auga e Saúde, tamén se celebrou en Termatalia o II Workshop Internacional en Turismo de Saúde e Benestar, no que distintos operadores de turismo especializados en termalismo manterán encontros de negocio. A programación desta edición especial de Termatalia completouse con catas e relatorios e seminarios nos que se analizaron os desafíos do termalismo na era poscovid, ou investigacións actuais sobre o sector e actividades para fomentar o negocio arredor do turismo de saúde.

 
Arriba