15 out 2020

O Monbus dispuou un partido dedicado á Ruta Xacobea no marco da iniciativa apoiada pola Xunta 'O Camiño acaba en Obradoiro'

 O partido da Liga Endesa ACB Monbus Obradoiro e Acunsa Guipúzoca Basket estivo dedicado ao Camiño de Santiago e a próxima celebración do Xacobeo 2021

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación da iniciativa, destacando o seu valor promocional e a súa trascendencia mediática
 
O partido encádrase na sexta edición de 'O Camiño acaba en Obradoiro', que conta co patrocinio da Xunta
 
Nava Castro, na presentación do partido adicado ao Camió remata en Obradoiro.

 Camiño de Santiago e deporte de elite déronse esta mañá a man na presentación dunha das accións promocionais encadradas na VI edición de O Camiño acaba en Obradoiro: a celebración do partido dedicado á Ruta Xacobea que terá lugar este sábado entre o Monbus Obradoiro e o Acunsa Guipúzcoa Basket dentro da Liga Endesa.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou no acto acompañada do director xeral do Monbus Obradoiro, José Luis Mateo, e o adestrador do Monbus Obradoiro, Moncho Fernández. “Desde a Xunta apoiamos iniciativas como esta do Camiño acaba en Obradoiro, na que se fusionan Camiño e deporte, que comparten valores como a superación ou a solidariedade”, explicou Nava Castro, quen destacou a calidade dos xogadores que participan nunha iniciativa na que a Xunta leva colaborando desde a primeira edición.

Castro valorou especialmente tanto a transcendencia mediática que acada o programa como a orixinalidade dunha acción na que participaron xogadores como Terry Porter, Juan Antonio Corbalán, Nikos Galis, Alexander Petrovic ou Amaia Valdemoro, que o ano pasado percorría a Vía da Prata.

Promoción no Camiño

Nesta edición o itinerario escollido foi o Camiño do Inverno e o xogador, José Manuel Calderón, que percorreu en verán algunhas das etapas desta ruta. A través da colaboración coa Xunta de Galicia leváronse a cabo numerosas accións entre as que se encadra este partido, ademais dun documental que recollerá toda a experiencia desta edición e que se presentará cando as condicións sanitarias así o permitan.

No marco deste patrocinio coa Xunta tamén se fixeron unha serie de accións de promoción no camiño e noutros puntos da xeografía nacional para dar a coñecer a Ruta Xacobea e o Xacobeo 2021 como foron a realización de vídeos #obrahospitaleiros - personaxes famosas animando ao convidado a completar o desafío e facendo a promoción do Camiño-, publicidade en autobuses de Madrid e Barcelona ou mercadotecnia.

 

Arriba