03 mar 2021

Turismo de Galicia organiza unha webinar informativa sobre o Plan de Hostalería Segura na que participan un milleiro de profesionais

 A directora de Turismo de Galicia e o presidente do Clúster Turismo de Galicia participaron no encontro telemático para resolver dúbidas sobre os requisitos que os hostaleiros teñen que cumprir no marco do Plan de Hostalería Segura

A partires deste venres será obrigatorio que os establecementos de hostalería teñan nun lugar visible cartel informativo sobre o aforo que inclúa o código QR do local
 
A directora de Turismo de Galicia, no webinar de hoxe.

 Máxima seguridade nos accesos aos establecementos; máximo seguimento e máximo control no cumprimento das normas vixentes. Así resumía esta mañá a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, os piares sobre os que se asenta o Plan de Hostalería Segura que centrou o webinario celebrado coa hostalería galega e no que tamén participou o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.

O encontro, no que participaron preto dun milleiro de hostaleiros, estivo orientado a resolver dúbidas sobre o funcionamento do espazo web para os profesionais turístico, o Turespazo, e sobre os requisitos que os propietarios dos establecementos turísticos teñen que cumprir no marco do Plan de Hostelería Segura no que se refire a información, capacidade, rastrexabilidade e inspección.
A través de Turespazo os propietarios dos establecementos turísticos deben descargar os carteis que están obrigados a colocar nun lugar visible do acceso ao establecemento a partir deste venres. Neles deberá constar a capacidade máxima do local, a porcentaxe de uso e a capacidade máxima permitida en función das normativas sanitarias vixentes, tanto no que atinxe ao interior coma no exterior do local.
 
Escaneo do QR a través da PassCovid
Nesta mesma web cada propietario tamén xerará o código QR do seu establecemento, que calquera usuario poderá escanear a través da aplicación PassCovid, rexistrando así a súa visita ao establecemento, de maneira opcional, pero colaborando con esta acción na rastrexabilidade dos posibles gromos que se poidan producir.
Ademais no espazo https://coronavirus.sergas.es/Contidos/Hostalaria-segura os hostaleiros poderán atopar guías para resolver problemas de acceso ao Turespazo ou para a declaración responsable de aforo e trazabilidade.
 
A directora de Turismo de Galicia aproveitou este encontro co colectivo para poñer en valor o esforzo que está a facer o sector na pandemia. “Sabemos que precisades do apoio das administracións públicas, de todas elas”, destacou Nava Castro, quen fixo fincapé en que o Goberno galego non se puxo de perfil nesta crise. “Aprobamos medidas de apoio desde o comezo, a través dos diferentes plans de reactivación e de rescate”.
 
Neste sentido, a responsable de Turismo de Galicia lembrou que a Xunta está a tramitar con axilidade as máis de 32.000 solicitudes recibidas no marco do II Plan de Rescate e aproveitou para lembrarlles aos hostaleiros a compatibilidade das axudas aprobadas dentro do primeiro e do segundo Plan de Rescate, no marco dos cales aprobáronse liñas específicas de apoio á hostalería dotadas cun total de 24 millóns de euros.
 
Arriba