09 mar 2021

A Xunta valora a formación en liña da Cátedra do Camiño e das Peregrinacións para transmitir o carácter universal do Xacobeo

 O vicepresidente primeiro da Xunta participou na presentación dos cursos na modalidade MOOC da Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia

 
Presentación dos cursos da USC.

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, puxo  en valor a formación en liña que está a aplicar a Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións para a divulgación por todo o mundo do coñecemento que xera o fenómeno xacobeo.

Na presentación dos tres cursos en liña sobre a ruta xacobea na modalidade MOOC, que se deron a coñecer hoxe no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, o vicepresidente primeiro destacou o esforzo levado a cabo pola Cátedra para chegar a máis condiscípulos nun ano marcado polas restricións da pandemia, que dificulta o ensino presencial.

Precisamente ese carácter universal e intemporal do Camiño é, como subliñou Alfonso Rueda, o fío condutor dos cursos que se van poñer en marcha a través da plataforma MIRIADAX, e que versarán sobre os valores históricos e patrimoniais das rutas xacobeas, sobre o coñecemento global das artes que se expresan no Camiño e sobre as capacidades de divulgación dos seus contidos nas redes sociais.

No acto, Alfonso Rueda estivo acompañado polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; polo director da Fundación Catedral de Santiago de Compostela, Daniel Lorenzo, e polo director da Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, o profesor Miguel Taín Guzmán.

O vicepresidente primeiro aplaudiu a intención da USC de dar continuidade no tempo a estas experiencias en liña polas posibilidades que ofrecen para ampliar o número de alumnos e, no caso da Cátedra, polas oportunidades que brindan para espallar os coñecementos e a cultura que se desenvolve arredor do Camiño.

 
Arriba