No marco da celebración de Fitur Galicia vén de traspasar a coordinación da marca España Verde a Cantabria nun acto celebrado no stand de Galicia na feira internacional que se desenvolveu en Madrid. A responsabilidade de coordinar as actuacións desta alianza estratéxica, conformada por Turespaña e as comunidades de Asturias, Cantabria, País Vasco e Galicia é rotatoria e de carácter anual. En 2020 correspondeulle a Galicia que agora pásalle o testemuño a Cantabria.
O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, foi o encargado de facer o traspaso oficial á responsable de turismo de Cantabria, Marta Barca, nun acto no que tamén participou o director xeral de Turespaña, Miguel Sanz, así como os responsables de turismo das outras comunidades autónomas e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. O acto serviu, ademais, para asinar un protocolo de actuacións con Turespaña para o desenvolvemento coordinado de estratexias de creación e comercialización de produtos turísticos adaptados á actual situación.
Entre as accións que leva adiante a España Verde destaca a aposta polo turismo activo, a enogastronomía e o Camiño de Santiago, como elementos transversais que unen a oferta turística do territorio ao tempo que lle permiten diferenciarse do resto da oferta turística nacional. Neste sentido, o vicepresidente destacou a necesidade de traballar de xeito coordinado intercambiando experiencias e coñecementos “de cara a desenvolve estratexias eficientes que nos permitan reactivar o turismo dos nosos territorios”, ao tempo que se impulsan accións de promoción conxunta especialmente enfocados ao mercado exterior, fortalecendo a imaxe turística do norte peninsular centrada no turismo de natureza, de calidade e sustentable.
“O modelo dun turismo slow e de calidade que impulsamos a través da España Verde encaixa cos principios nos que traballamos desde Galicia polo que este tipo de alianzas nos permiten amplificar a nosa oferta turística, chegando mellor aos mercados exteriores”, sinalou.
Ademais, destacou que o reto da Xunta é seguir reforzando a imaxe de que Galicia é un destino seguro. Coa posta en marcha do seguro coronavirus, que conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros, o obxectivo é que os viaxeiros que se acheguen á comunidade galega se sintan seguros coa cobertura dos seus gastos sanitarios, de aloxamento ou transporte ante un posible contaxio.
O seguro coronavirus, busca tamén a recuperación do sector turístico e súa posta en marcha é tamén unha medida de apoio ás axencias de viaxes e ás empresas do sector, que poderán ofertar Galicia como destino seguro aos seus clientes.
Ademais, a Xunta ten en marcha iniciativas de fomento do consumo interno como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que tivo unha gran acollida ao esgotarse as tarxetas en só 12 horas, xunto coa reactivación do programa Elixe Galicia. Entre ambas iniciativas a Xunta prevé inxectar 10 millóns de euros no sector turístico para axudarlle na súa reactivación.