26 out 2021

A Xunta colabora co sector das autocaravanas para regular e asentar a súa oferta en Galicia

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou nas Asembleas ordinaria e extraordinaria da Asociación Galega de Autocaravanas, onde sinalou o auxe deste tipo de turismo nos últimos anos e sobre todo debido á pandemia

Os cámpings turísticos nos que poden estacionar caravanas e autocaravanas acadaron este verán máximos históricos de ocupación, con máis de 800.000 noites entre xullo e agosto e máis de 200.000 viaxeiros
 
Alfonso Rueda, na reunión dos autocaravanistas.

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, interviu  nas Asembleas ordinaria e extraordinaria da Asociación Galega de Autocaravanas, onde se comprometeu a colaborar co sector para regular e asentar a súa oferta en Galicia, que medrou moito nos últimos anos, sobre todo, debido á pandemia do coronavirus.

Así, sinalou que Galicia é un paraíso para o autocaravanismo porque ofrece un turismo tranquilo e non masificado en espazos abertos e en contacto coa natureza que se adapta tamén ao modelo de turismo no que traballa a Xunta baseado na seguridade, a calidade e a sostibilidade.
De feito, a mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade foi o que permitiu superar este verán en 25 puntos a ocupación respecto a 2019 e situándose a comunidade galega en agosto como o único destino en superar as cifras turísticas prepandemia. No caso dos cámpings turísticos nos que poden estacionar caravanas e autocaravanas mesmo se acadaron máximos históricos con máis de 800.000 noites entre xullo e agosto e máis de 200.000 viaxeiros.
Alfonso Rueda lembrou que a Xunta, co obxectivo de reforzar a calidade e harmonizar os servizos dispoñibles en Galicia para os turistas en autocaravana, aprobou en 2019 un decreto para regular os campamentos turísticos que incorporou a especialización dos cámpings en exclusiva para caravanas e autocaravanas ou os cámpings temáticos, dando resposta ás demandas do sector. Ademais, con esta normativa actualizada estableceuse unha clasificación por estrelas e categorías avanzando na excelencia na calidade da atención aos visitantes.
Desta regularización autonómica quedan excluídas as zonas de acollida para caravanas e autocaravanas en tránsito que corresponde ás entidades locais, se ben a Xunta colabora para poñer en marcha unha ordenanza tipo con criterios comúns para autorizar o seu estacionamento favorecendo a convivencia entre visitantes e veciños, así como o respecto á contorna natural.
Por outra parte, a Xunta colabora na posta en marcha de actuacións en espazos para autocaravanas a través de axudas para levar a cabo melloras en establecementos turísticos, incluídos os campamentos turísticos, así como para mellorar as infraestruturas turísticas de concellos de menos de 10.000 habitantes. O Goberno galego destina este ano 3,5 millóns de euros a cada unha destas dúas liñas de axudas.
 
 
Arriba