A Xunta investirá no segundo ano do dobre Xacobeo 21-22 ata 85,8 millóns de euros para seguir na senda de recuperación do turismo e para celebrar o Ano Santo que Galicia merece, logo das boas perspectivas coas que pechou o verán do 2021 e que se se están a manter no outono. A inversión é lixeiramente superior á destinada no 2021 ao primeiro ano do dobre Xacobeo.
A aposta polo turismo e polo Xacobeo é un dos aspectos máis salientables da comparecencia no Parlamento de Galicia do vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, para dar a coñecer as liñas mestras dos orzamentos da Xunta para o 2022 no departamento que el dirixe, e que ascenden a 402.578.087 euros, un 2,6% máis que o ano pasado, cun incremento de 10 millóns de euros.
Cunha recuperación do turismo 22 puntos por riba da media nacional, a Xunta redobrará a súa aposta polo sector para seguir botando man do turismo como un dos motores da recuperación económica e para intensificar o tráfico internacional, o que permitirá celebrar, por fin, “o Xacobeo que Galicia merece, coa previsión de acadar cifras históricas no Camiño de Santiago”, dixo Alfonso Rueda.
Con esa intención, o Goberno galego investirá no seu conxunto un total de 85,8 millóns de euros no Xacobeo, un evento sen precedentes para o que a Axencia Turismo de Galicia consignará 65,8 millóns (5 máis que este ano, cun incremento do 8,3%). De feito, Turismo de Galicia incrementará o seu presuposto nun 12% ata acadar os 126 millóns de euros, coa finalidade de seguir afianzando un sector fundamental na recuperación do país.
Os investimentos por mor do Ano Santo inclúen actuacións salientables na conservación das propias rutas xacobeas, e con esa intención vanse investir máis de 16 millóns en traballos de conservación do Camiño. A Xunta continuará mellorando e ampliando a Rede Pública de Albergues do Camiño, coa posta en marcha de catro novas hospedaxes no 2022: Piñor (1,1 millóns de euros), Ferrol (467.000 euros), Riós (262.000) e o primeiro albergue de peregrinos na cidade da Coruña (1,1 millóns), pendente este último da cesión da parcela por parte do Concello.
A Xunta de Galicia foi consciente na pandemia da necesidade de inxectar axudas directas ao sector turístico para acompañalo nos meses nos que houbo que pechar ou restrinxir a actividade e para favorecer e acelerar a súa recuperación. Con ese motivo activáronse dous plans de rescate e puxéronse en marcha iniciativas pioneiras como Elixe Galicia, encamiñada a activar o consumo turístico e desestacionalizar a oferta, ou o bono turístico, cunha aceptación sen precedentes.
Nesa mesma senda, Alfonso Rueda anunciou que no 2022 vaise poñer en marcha o Plan Camiña de reforzo do sector, dotado con máis de 46,6 millóns (10,9 máis que no 2021, cun incremento do 30,6%), para reforzar a calidade e a seguridade de Galicia como destino, impulsar a innovación no sector e apostar pola sustentabilidade. O plan destinará 21,6 millóns ás empresas, 21,7 millóns ás entidades locais e 3,3 millóns máis a familias, universidades e entidades sen ánimo de lucro.