Palas de Rei acolleu o “IX encontro Xacobeo Peregrinas“ desde unha perspectiva multidisciplinar e de xénero
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, participaron nun encontro no que tamén se deron cita a directora de cine Paula Cons, a consultora especializada en temas de xénero, Patricia Vaquero e a astrofísica Josefina Ling
O Camiño Primitivo, a súa reactivación, a celebración deste Xacobeo ou a experiencia da peregrinación desde un punto de vista multidisciplinar e feminino centrou o IX Encontro Xacobeo Peregrinas, que se celebrou no Castelo de Pambre, en Palas de Rei, no marco desta iniciativa encadrada na programación do Xacobeo 21-22, na derradeira etapa deste itinerario que entronca co Camiño Francés á altura de Melide.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, e a directora de cine Paula Cons, foron as encargadas de abrir o encontro abordando o papel da muller e a súa visibilización desde o punto de vista do turismo, o Camiño de Santiago, o emprego e o papel da muller no mercado laboral, con especial atención ao eido audiovisual e cinematográfico. Tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
Nava Castro aproveitou o feito de que o encontro tivera lugar en Palas de Rei para destacar a reactivación que o Camiño de Santiago está a vivir nos últimos meses, servindo de motor de recuperación ás cifras do turismo en Galicia, ao tempo que destacou a diversificación progresiva dos peregrinos a través dos diferentes itinerarios e a perspectiva de seguir medrando en peregrinos estranxeiros especialmente cara o 2022, en que “agardamos celebrar un Xacobeo pleno”.